LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Deseño dunha aplicación informática para a mellora da xestión de terras nas cooperativas gandeiras.


Ademais da concentración parcelaria e dos mercados de terras, outro proceso que pode axudar a mellorar a estrutura parcelaria é a permuta de parcelas entre propietarios. Así o recolle a recentemente aprobada Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que inclúe a permuta voluntaria de parcelas como un dos procesos a incentivar.

A permuta de parcelas entre varios particulares é un problema que presenta un número grande de posibles solucións e que ten un custo computacional elevado. Por exemplo, se hai 5 propietarios con 20 parcelas por propietario o número de posibilidades está na orde de 10^69.

Para afrontar ese problema, O GAC desenvolveu un algoritmo baseado en algoritmos xenéticos, que tomando unha función obxectivo dada, como pode ser a suma das distancias entre as parcelas de cada propietario, permite obter solucións aceptables nun tempo razoable. Este algoritmo estase desenvolvendo dentro do Grupo Operativo para a Mellora da Xestión de Terras nas Cooperativas Gandeiras, no que participan tamén a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, Cusoviame (S.C.G.), Os Irmandiños (S.C.G.), o Laboratorio do Territorio (Universidade de Santiago de Compostela) e o Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

Para a relación das probas o algoritmo integrouse no servidor GeoServer, publicándose mediante o protocolo estándar WPS, e implementouse unha interface de usuario desenvolvida con OpenLayers e GeoExt.

Nas seguintes figuras pode verse a situación inicial dun caso de proba e unha das solucións obtidas. Cada cor representa as parcelas dun propietario. Tamén se pode ver unha captura da interface de usuario desenvolvida.
Cervantes_inicial
cervantes_result