Participación da FAO no Master en Xestión Sostible da Terra e do Territorio

Enviado por laborate o lun, 27/12/2010 - 15:10 GMT.

Richard Eberlin, oficial da FAO en materia de Posesión da Terra e Desenvolvemento Rural na oficina rexional de Budapest, participou no Master en Xestión Sostible da Terra e do Territorio, abordando a situación estrutural en Asia occidental e en Europa central e do leste.

Durante as clases impartidas por este oficial da FAO explicáronse os procesos de restitución e privatización logo da caída do muro de Berlín, así como a problemática da fragmentación da terra na actualidade. Amosou, ademais, como se están a impulsar diferentes instrumentos de xestión de terras como a concentración parcelaria integral ou os bancos de terras, nun marco xeral de desenvolvemento rural.

Neste último apartado destaca a elaboración do Informe Técnico sobre Bancos de Terras impulsado por parte da organización internacional e no que participan membros do grupo de investigación LaboraTe, da Universidade de Santiago de Compostela, así como persoal técnico do Banco de Terras de Galicia (Bantegal). De feito, o Bantegal é considerado como un modelo a explorar en numerosos países de Europa oriental, existindo xa na actualidade proxectos piloto para testalo.

Richard Eberlin adiantoulles tamén ós alumnos do master a posibilidade de realizar estadías na súa organización, tanto nas oficinas de Roma como de Budapest, e colaborar e coñecer de primeira man as actividades en materia de posesión da terra e desenvolvemento rural que está a impulsar a nivel internacional.

english español