Desenvolvemento dunha metodoloxía de análise da posesión e uso da terra

Enviado por laborate o lun, 24/01/2011 - 19:14 GMT.

O LaboraTe vén de realizar, co apoio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), un estudo no que se desenvolve unha metodoloxía de análise da posesión e uso da terra para a comprensión e diagnose das dinámicas territoriais, así como a avaliación dos sistemas de administración de terras existentes en Galicia e a súa idoneidade para apoiar as actividades de xestión de terras.

Dito traballo encádrase na crecente cooperación entre a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e a USC, que está sendo apoiada por parte do AGADER na procura dun maior beneficio para o rural galego. En concreto, a FAO e a USC perseguen a través de diversas actividades no período 2010-2012, a mellora da xestión sustentable da terra e do territorio e das políticas de desenvolvemento rural, o fortalecemento do know-how rexional, o impulso á cooperación rexional no ámbito da xestión de terras e do territorio e a elaboración de informes técnicos, directrices, recomendacións, manuais ou outro tipo de traballos en apoio á xestión de terras e do territorio e do desenvolvemento rural.

Os resultados do devandito estudo amosan que mália a grande complexidade na situación de posesión e uso da terra, existen diversas fontes de información sectoriais a disposición Administración que, integradas axeitadamente, permiten un coñecemento moito máis preciso das súas dinámicas, así como un deseño e seguemento das políticas de xestión de terras moito máis certeiro. Para este traballo seleccionouse a comarca de A Terra Chá como ámbito piloto, dada a súa relevancia agraria no contexto galego.

icono ficheiros PDF descargar
Realización de actividades de interese para o rural galego relativas á planificación sostible do uso do solo e da xestión de terras.
español