Enviado por laborate o lun, 22/10/2012 - 11:06 GMT.
O doutorando Eduardo Manuel González Ferreiro vén de defender
na Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de
Santiago de Compostela (USC) a tese de doutoramento titulada
"Aplicación de LiDAR aerotransportado na xeración de modelos
dixitais do terreo e na estimación de variables dasométricas".
Este tese foi dirixida polos doutores Ulises Diéguez Aranda
e David Miranda Barrós, ambos profesores do Departamento
de Enxeñería Agroforestal da USC, e é o resultado de varios
anos de investigación levados a cabo no Laboratorio do Territorio,
coa colaboración da Unidade de Xestión Forestal Sustentable
e investigadores doutras universidades e centros de investigación,
e foi avaliada por un tribunal composto polos seguintes
expertos na materia:
- Álvarez González, Juan Gabriel; catedrático da área de Enxeñería Agroforestal da USC
- Castedo Dorado, Fernando; profesor titular da área de Producción Vexetal da Universidade de León
- Rosette, Jaqueline; investigadora da National Aeronautics and Space Administration (Estados Unidos de América)
- Santé Riveira, Inés; profesora da área de Enxeñería Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da USC
- Suárez Mínguez, Juan Claudio; xefe da sección de Teledetección Forestal na Forestry Commission (Reino Unido)
A nosa sociedade, cada vez máis consciente dos beneficios
que os bosques proporcionan, demanda unha maior atención
á xestión forestal sustentable. A consecución de este obxectivo
pasa por unha optimización da xestión forestal, para o cal
é necesario dispoñer de información de calidade dos recursos
existentes e dos riscos que poidan ser unha ameaza. Información
sobre a cantidade e localización da madeira en pé, a biomasa
e CO2 acumulados, os combustibles e o risco de incendios,
as infraestruturas existentes, as pendentes e orientacións,
etc é indispensable e pode ser obtida de forma fiable, rápida
e automática facendo uso da tecnoloxía LiDAR.
Esta tese desenvolveu e probou metodoloxías que permiten
facer un inventario forestal completo en Galicia mediante
tecnoloxía LiDAR aerotransportando, a partir da xeración
de Modelos Dixitais de Elevación fiables e a estimación
precisa das principais variables dasométricas empregadas
polos xestores forestais. A información proporcionada na
tese pretende axudar na toma de decisións para unha xestión
forestal integrada, sustentable e eficaz. Asemade, esta
tese fíxose eco da importancia dos datos LiDAR recollidos
polo Plan Nacional de Ortofotografía Aérea, da Dirección
General del Instituto Geográfico Nacional e o Centro Nacional
de Información Geográfica - que están actualmente dispoñibles
de balde para a meirande parte de España - debido a súa
enorme potencialidade para o sector forestal, adiantado
deste xeito coñecemento acerca do seu tratamento.