Expertos en medio rural do LaboraTE ven necesario o aproveitamento do terreo para rebaixar os custos de produción

Enviado por eva.lopez o ven, 11/03/2016 - 10:46 GMT.

Así o indicaron na Xornada Técnica de Produción de Leite que tivo lugar recentemente na Facultade de Veterinaria, e que estivo organizada por Africor Lugo. Deste xeito, os especialistas, entre os que se atopa o enxeñeiro agrónomo do Laboratorio do Territorio –Francisco Ónega-, analizaron a relación da actividade gandeira co territorio dende aspectos técnicos e incluso legais. Ónega cuestionou que as demandas do sector dos últimos anos se centrasen exclusivamente nos prezos do leite indicando que estas "deberían de ir acompañadas doutras estratexias, encamiñadas, por exemplo, a conseguir máis terreo útil para as explotacións". E é que lograr máis base territorial pode servir, como recordou na súa intervención, para reducir a dependencia dos alimentos mercados fóra da explotación, para acadar máis axudas da PAC, ou para mellorar o comportamento ambiental das explotacións reducindo a carga gandeira. As ganderías con máis terras poderán adaptarse mellor a cambios nos prezos dos insumos de explotación e teñen máis posibilidades de adaptar o modelo produtivo a novas condicións de mercado. Ademais, engadiu que acceder a máis superficies require un esforzo tanto por parte das explotacións como por parte das Administracións Públicas, que teñen competencias ineludibles na ordenación do territorio e a xestión de terras. Outros especialistas como César Resch, que traballa no Centro de Investigacións de Mabegondo (CIAM), recalcou que a terra dá seguridade á explotación, e contrapuxo dous modelos de produción: en Suecia, logo de impulsarse unha gran aposta tecnolóxica, o descenso do prezo do leite afecta á rendibilidade das explotacións, mentras que, en Irlanda, con menos investimento en tecnoloxía, o sector resiste con máis solvencia.