Villares Naveira disertou este xoves na Escola Politécnica Superior de Lugo sobre a propiedade da terra e a acción pública na xestión territorial en Galicia

Enviado por eva.lopez o ven, 06/05/2016 - 10:43 GMT.

O Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Luis Villares Naveira, ofreceu este xoves, 5 de maio, a conferencia "O territorio: de quen e para quen?", que se impartiu no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo a partires das 17:30 horas.

Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro das accións formativas do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (masterra) da USC, coordinado polo Profesor David Miranda Barrós, director do Laboratorio do Territorio (LaboraTe). Está dirixida a estudantes, profesionais, responsables políticos e sindicais, asociacións e ONGs e público en xeral.

A conferencia reflexionou sobre o devir do territorio e a búsqueda do equilibrio entre a propiedade da terra en Galicia, onde hai máis de 1,5 millóns de propietarios, e a acción pública, a través da súa actividade regulatoria e de fomento. De como ese equilibrio ou ausencia do mesmo determina os aproveitamentos da terra, a xestión dos recursos naturais e, en última instancia, a súa sostibilidade.

Luis Villares Naveira é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, ademais de xuíz de carreira dende 2005. Exerceu como titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción Único da Fonsagrada entre 2007 e 2010. Nese ano aprobou a especialidade de maxistrado do contencioso-administrativo. Logo de estar destinado en comisión de servizos no Xulgado Central do Contencioso-Administrativo nº 9 da Audiencia Nacional, obtivo a praza de titular no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, onde exerceu como tal dende febreiro de 2011 ata abril de 2012. Posteriormente, ocupou a praza de maxistrado do Xulgado Contencioso Administratrivo nº 2 de Lugo ata ocupar a xurisdición na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Mesa redonda

A continuación da conferencia maxistral a cargo de Villares Naveira, houbo unha mesa redonda, na que participaron outros expertos na materia que, ademais, ocupan cargos de responsabilidade na Administración ou en organizacións vencelladas á xestión territorial. Son os seguintes:

- Miguel Ángel Pérez Dubois: enxeñeiro agrónomo especializado en Enxeñería Rural. Aprobou as oposicións a funcionario do Corpo Superior de Enxeñeiros Agrónomos do Estado en 1986. Un ano más tarde, foi funcionario do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia e entre 1990-1992 Inspector Ambiental da Comisión Provincial de Medio Ambiente de Pontevedra. Xa en 2009 pasou a ser subdirector xeral de Infraestruturas Agrarias e, na actualidade, ocupa o posto de director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.

- Inés Santé Riveira: investigadora e científica, ademais de doutora en Enxeñería Agrónoma pola USC e docente da área de Enxeñería Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC. Asemade, tamén é secretaria da comisión académica do programa de doutoramento en Xestión Sostible da Terra. Na actualidade, ocupa a dirección do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia.

- Óscar Rivas López: presidente da Rede Galega de Custodia do Territorio. Esta organización sen ánimo de lucro pretende implicar á sociedade civil na conservación da natureza e a paisaxe, a través de acordos cos propietarios interesados na conservación dos seus terreos.

- Francisco Dans del Valle: enxeñeiro de Montes. É o director da Asociación Forestal de Galicia, creada en Santiago de Compostela. Trátase dunha organización privada sen ánimo de lucro que agrupa a propietarios forestais, particulares e comunidades de montes da Comunidades.

- Santiago Sousa Lema: enxeñeiro Agrónomo, na actualidade é director da Área de Cultivos e Mecanización Agraria da Cooperativa Os Irmandiños, que aglutina a centos de agricultores das provincias de Lugo, A Coruña e o occidente asturiano.