O Laboratorio do Territorio colabora co Instituto de Estudos do Territorio na elaboración das Directrices da Paisaxe

Enviado por eva.lopez o ven, 13/05/2016 - 11:20 GMT.

A paisaxe é unha realidade complexa. As características do medio físico e as comunidades de seres vivos impoñen, obviamente, un marco xeral. Pero a actividade dos seres humanos ten, en rexións tan fortemente antropizadas coma a nosa, unha influencia decisiva. Os modos de utilización e ocupación do territorio teñen sufrido unha profunda transformación no último século, probablemente máis acelerada que en calquera período histórico anterior. As paisaxes de Galicia cambiaron, como consecuencia, e acusan os efectos de procesos como a urbanización, o aumento da superficie de arborado, ou o abandono das actividades agrarias.

Desde a aprobación no 2000 do Convenio Europeo da Paisaxe, os países europeos foron incorporando na súa lexislación a protección, planificación e xestión da paisaxe. Galicia fíxoo no 2008 coa Lei de Protección da Paisaxe de Galicia, que contempla catro grandes instrumentos para garantir a xestión e ordenación da Paisaxe, entre os que destacan os Catálogos da Paisaxe e as Directrices.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do seu Instituto de Estudios do Territorio, e o Laboratorio do territorio da Universidade de Santiago de Compostela, veñen de finalizar a elaboración do Catálogo da Paisaxe de Galicia. Deuse cumprimento, así, a un dos requirimentos da lei, ao producir un documento que identifica as principais unidades e tipos de paisaxe de Galicia, ademais de cartografar os principais valores paisaxísticos, facer unha diagnose dos mesmos e delimitar as áreas de especial interese paisaxístico que serán protexidas.

O mesmo marco de colaboración será o utilizado para esta segunda fase, relativa á redacción das Directrices de Paisaxe. Estas son a continuación natural do traballo executado no Catálogo, sobre o que se apoian para definir e precisar os obxectivos de calidade paisaxística que a nosa sociedade pretende alcanzar. É dicir, as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e ao grao de compromiso da sociedade galega na protección das paisaxes. Evidentemente, a participación pública será moi relevante neste proceso.

As Directrices definirán unha serie de medidas e accións para lograr os obxectivos de calidade paisaxística, unha descrición de indicadores de calidade paisaxística que servirán para monitorear a evolución das paisaxes, así como unhas normas e recomendacións para a definición dos plans urbanísticos e sectoriais e das estratexias rexionais ou locais encamiñadas a un desenvolvemento sostible do territorio.

A paisaxe representa o marco idóneo, na súa concepción holística, para abordar a compresión e a análise do territorio e das políticas de xestión territorial. Somos da opinión de que tanto o Catálogo como as Directrices da paisaxe serán dous instrumentos esenciais, aínda que mellorables e necesariamente actualizables co transcurso do tempo, para unha xestión territorial que permita facer fronte aos desafíos territoriais presentes e futuros.