O traballo do LaboraTe, a través da EIEL, clave para a consecución dos novos fondos europeos que vén de conseguir a Deputación de Lugo

Enviado por eva.lopez o ven, 20/05/2016 - 10:22 GMT.

A través da Infraestrutura de Datos Espaciais da Administración Lucense (IDEAL) o organismo provincial ofrece información xeorreferenciada da provincia de Lugo a partires dos datos da Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais (EIEL). A EIEL, desenvolvida polo Laboratorio do Territorio (LaboraTe), é o instrumento básico de análise e valoración das necesidades de dotacións locais para efectos da cooperación económica local do estado. Está elaborada polas deputacións provinciais segundo unha metodoloxía común, e conta coa colaboración técnica do Ministerio de Política Territorial.

Nesta páxina web, impulsada polo Laboratorio do Territorio da USC, pódese descargar a información das edicións da EIEL para a provincia de Lugo dende o ano 1995 ata 2013, ambas incluídas; ademais de acceder aos servizos Web Map Service e Web Feature Service que ofrecen a información da EIEL, sobre abastecementos, saneamentos ou equipamentos municipais como centros de saúde ou instalacións deportivas, entre moitos outros. Ademais, tamén conta cun visor de mapas interactivo no que se pode visualizar toda esta información.

Neste portal tamén se ofrece un servizo de nomenclátor que permite a busca de máis de 9.400 entidades de poboación de toda a provincia, agás o municipio de Lugo, que ao ter máis de 50.000 habitantes non se estuda na EIEL. Para cada entidade singular atopada danse datos como o seu código INE ou coordenadas que permiten ubicala xeograficamente.

Deste xeito, a UE concedeu ao organismo provincial un total de 167.000 euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Europa recoñece o traballo levado a cabo polo organismo provincial no ano 2010, cando puxo en marcha a web de Infraestrutura de Datos Espaciais da Administración Lucense www.idealugo.es, coa que a Deputación traslada ao Ministerio de Política Territorial información relativa ás infraestruturas dos concellos da provincia como mapas, estradas, datos de equipamentos municipais, saneamento e abastecemento, ou comunicacións, entre outros.