A EPS acolle este venres un acto de homenaxe ao fundador do LaboraTe e un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia, Rafael Crecente

Enviado por eva.lopez o mér, 01/06/2016 - 11:39 GMT.

O Laboratoiro do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza este venres, 3 de xuño, un acto de homenaxe ao que foi o seu fundador e coordinador durante moitos anos, o profesor Rafael Crecente Maseda. Será a partires das 11:30 horas, no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo e contará coa presenza do ex Director Xeral de Agricultura e ex Director Xeral de Investigación da Unión Europea, José Manuel Silva Rodríguez.

Rafael Crecente, foi profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica, e faleceu en xullo de 2015. Era considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial tanto en Galicia como fóra do noso país, e o seu labor estivo vinculado coa investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT). Asemade, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador -lugar no que impulsou un programa de colaboración-, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest e profesor invitado na Universidade de Múnich.

Desenvolvemento do acto

O acto de homenaxe comezará cunha breve exposición da biografía do homenaxeado. A continuación, Silva Rodríguez ofrecerá unha charla sobre xestión territorial. O evento rematará coa clausura, na que se entregará aos asistentes unha publicación dos traballos de fin de máster de terceiro e cuarto ano. O prólogo destas edicións corresponde a Inés Santé, actual directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET); organismo autónomo da Xunta de Galicia, adscrito á Consellería de Medio Ambiente e que ten entre outros cometidos a realización de estudos e actividades de planificación para avanzar cara o reequilibrio entre o mellor aproveitamento de recursos naturais de Galicia e a correcta conservación dos elementos definitorios do país.