Enviado por eva.lopez o ven, 03/06/2016 - 14:02 GMT.
                
                 
                    
                        O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de 
                        Santiago de Compostela (USC) convoca o Premio "Rafael Crecente" 
                        de Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial. Así o 
                        deu a coñecer o coordinador do mesmo, David Miranda Barrós, 
                        no acto de homenaxe ao fundador de dito grupo, que faleceu 
                        o pasado ano e que lle dá nome ao citado galardón.
                    
                    
                        Tal e como explicou David Miranda, o premio está dirixido 
                        a alumnos/as universitarios/as (egresados) que rematasen 
                        a súa carreira (grao/máster) nos últimos cinco anos de calquera 
                        titulación, e consistirá, ademais do correspondente diploma 
                        de recoñecemento, nun contrato laboral de 6 meses no Laboratorio 
                        do Territorio para integrarse en proxectos de investigación-acción 
                        relacionados coa xestión territorial.
                    
  
                    
                        "Reforzamos así", explicou o coordinador, "o compromiso 
                        iniciado por Rafa cos alumnos egresados para que se integren 
                        no mundo da investigación-acción". Deste xeito, o arquitecto 
                        Mario Crecente -irmán do homenaxeado-, incidiu en que o 
                        premio ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de 
                        ideas pioneiras relacionadas co desenvolvemento rural, a 
                        conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria 
                        nun senso amplo e a contribución á xestión territorial sostible. 
                        Para elo, contarase cunha comisión de selección composta 
                        por expertos nesta materia provintes da Universidade, Administración 
                        e o sector privado.
                    
                    
                        A primeira convocatoria sairá a inicios de curso (setembro). 
                        Abrirase un prazo de presentación de candidaturas ata febreiro 
                        de 2017 e o fallo producirase a finais de maio para en xuño 
                        realizar o correspondente acto de entrega do premio. A incorporación 
                        da persoa levarase a cabo en setembro.
                    
 
                    
                        Sentida e ampla homenaxe
                    
                    
                        O Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo 
                        quedouse pequeno para acoller a homenaxe, que contou coa 
                        intervención do ex Director Xeral de Agricultura e ex Director 
                        Xeral de Investigación da Unión Europea, José Manuel Silva 
                        Rodríguez. Preto de 200 persoas completaron o aforo da sala. 
                        Entre elas, familiares e amigos do homenaxeado, así como 
                        destacadas autoridades institucionais. É o caso da conselleira 
                        de Infraestruturas, Ethel Vázquez; o ex reitor da Universidade 
                        de Santiago de Compostela, Juan Casares; o vicerreitor do 
                        Campus de Lugo, Javier Bueno; ou do deputado no Congreso por 
                        Lugo, Joaquín García Díez; entre outros.
                    
                    
                        No evento expúxose un breve resumo da biografía e traxectoria 
                        profesional do homenaxeado. Neste senso, David Miranda, 
                        non dubidou en recoñecer que "Rafael Crecente era considerado 
                        como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia".
                    
                    
                        Foi profesor titular do Departamento de Exeñería Agroforestal 
                        da Escola Politécnica, e o seu labor estivo vinculado coa 
                        investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio 
                        e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT). 
                        Asemade, participou activamente como investigador en países 
                        de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador -lugar no 
                        que impulsou un programa de colaboración-, así como en convenios 
                        con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor 
                        da oficina rexional da FAO en Budapest e profesor invitado 
                        na Universidade de Múnich.
                    
                    
                        O encontro, que destacou polo seu carácter emotivo e didáctico, 
                        rematou cunha clausura na que os asistentes recibiron unha 
                        publicación dos traballos de terceiro e cuarto ano do Máster 
                        en Xestión Sostible da Terra e do Territorio, do que era 
                        coordinador o profesor Crecente. O prólogo desta edición 
                        corresponde a Inés Santé, actual directora do Instituto 
                        de Estudos do Territorio (IET); organismo autónomo da Xunta 
                        de Galicia, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, e 
                        que ten entre outros cometidos a realización de estudos 
                        e actividades de planificación para avanzar cara o reequilibrio 
                        entre o mellor aproveitamento de recursos naturais de Galicia 
                        e a correcta conservación dos elementos definitorios do país.