O LaboraTe participa activamente no IV Encontro de Mocidade Investigadora, celebrado en Santiago

Enviado por eva.lopez o ven, 17/06/2016 - 11:26 GMT.

O LaboraTe vén de participar no IV Encontro de Mocidade Investigadora celebrado os días 9 e10 de xuño na Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago de Compostela con dous pósters e dúas comunicacións orais presentados por alumnos e alumnas do Programa de Doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio. Foron os seguintes:

- Comunicación Oral da Área de Ciencias Xurídicas e Sociais: Dispersión urbana en Galicia: medición e estimación dos seus custos (Diego Alberto Arias Prado).

- Comunicación Oral da Área de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas: Consideraçöes sobre a Paisagem a partir da perspectiva patrimonial: contribuiçöes para a gestäo do território (Josélia Gogoy Portugal).

- Comunicación en formato póster da Área de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas: DTMLabTe. Algoritmo de filtrado para a identificación de puntos terreo empregando datos LiDAR (Sandra Buján Seane)

- Comunicación en formato póster da Área de Ciencias Xurídicas e Sociais: Onde enraízan as diferenzas territoriais da mobilidade de terras?: movéndonos alén dos preceptos clásicos (María José Enríquez García).

Por outra banda, o Laboratorio do Territorio tamén estivo presente na táboa redonda "Como afrontar unha estadía de investigación?", coa presenza de José María Tubío Sánchez e de María José Enríquez García, esta última como membro do grupo executivo e loxístico do comité organizador. Asemade, cabe destacar, a participación de dous profesores da Escola Politécnica Superior. Trátase de Rosa Mosquera Losada e de Javier José Cancela Barrio.

O encontro contou cun total de 300 asistentes, dos que 227 participaron con comunicacións. Destas, 69 pertencen á Área de Ciencias da Saúde, 74 á de Ciencias Xurídicas e Sociais, 50 á de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas e 34 á de Humanidades.