LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / News

Publicada por Lab. Territorio

O Ibader convoca a primeira edición do Premio Rafael Crecente


O profesor Rafael Crecente Maseda [1964,2015] estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Foi profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vencellado principalmente á investigación, como director do Grupo de Investigación  Territorio-Biodiversidade - Laboratorio do Territorio, e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) desta universidade. Asemade, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador -lugar no que impulsou un programa de colaboración- así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest e profesor invitado na Universidade de Múnich. E investigador do IBADER adscrito ao Grupo de Investigación 1934 - Territorio e Biodiversidade.

Na súa homenaxe créase un premio para impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, ou a mellora da xestión territorial. Con estas bases publícase a primeira edición deste premio que se convocará anualmente, co inicio de cada curso académico e que será publicitada nas canles institucionais da Universidade de Santiago de Compostela e outros medios de difusión que se consideren oportunos.

O prazo de presentación de candidaturas estenderase ata o 1 de decembro de 2017.
 
Convoca: IBADER
Colabora: GI-1934 TB - Lab. Territorio

Texto da convocatoria
Arquivo en Galego [Descarga-PDFG].
Arquivo en Castelan [Descarga-PDFC],