Tese analiza a seguridade alimentaria en Galicia

Publicada por Lab. Territorio
Tese de Seguridade Alimentaria

A investigadora do LaboraTe, Beatriz Guimarey presentou o pasado luns 9 de xaneiro a súa tese de doutoramento titulada “Avaliación espacial da capacidade de auto-abastecemento alimentario en Galicia: escenarios de dieta e sustentabilidade nun contexto de emerxencia climática” que foi avaliada cun sobresaliente “Cum Laude”. A tese, dirixida polos profesores da USC Lourenzo Fernández Prieto e Eduardo Corbelle Rico, é o primeiro traballo que aborda con gran detalle o grao de seguridade alimentaria de Galicia. O obxectivo é avaliar ata que punto a comunidade autónoma pode abastecer a súa poboación, minimizando a dependencia do exterior a nivel local.

Entre as conclusións destaca o feito de que as terras agrarias da comunidade están por baixo da dispoñibilidade media mundial, sendo insuficientes para manter a dieta actual da nosa poboación. Así mesmo amosa que, mediante estratexias sostibles e unha redución do consumo de carne é posible mellorar substancialmente o autoabastecemento alimentario á par que se reduce a pegada de carbono. Con todo, nun escenario de mitigación climática e cunha agricultura de baixos insumos será inevitable aumentar lixeiramente as terras cultivables.

A tese enmárcase no proxecto Inverclima, que afonda na importancia dos sistemas agrarios locais fronte ás alteracións climáticas.

Para máis información podes consultar os seguintes artigos de prensa:

  • A dieta dos galegos require duplicar a superficie agraria ou reducir nun 38% o consumo de carne. Campo Galego
  • Una investigación sugiere bajar un 38% el consumo de carne y producirla aquí. La Voz de Galicia
  • Garanten as terras de Galicia a nosa seguridade alimentaria?. GCiencia
← Voltar