Os novos entrantes no marco da transformación dos territorios rurais e a súa adaptación ás distintas crises e tendencias políticas e socioeconómicas

Publicada por Lab. Territorio
Os novos entrantes

O mes pasado publicouse o artigo “New Entrants in the Framework of the Transformation of Rural Territories and Their Adaptation to Different Crises and Political and Socioeconomic Trends” na revista Land. O artigo analiza a chegada de novos entrantes á actividade agraria, explorando se estamos perante un cambio de modelo.

Identificáronse 210 novas iniciativas agrarias en Galicia a través de entrevistas e da información recollida por axentes de desenvolvemento local nos seus respectivos territorios, co fin de estudar o seu grao de innovación, así como os atrancos para a súa posta en marcha.

O estudo amosa que os concellos próximos ás áreas urbanas (a nivel local) e a metade norte e occidental de Galicia son os territorios que concentran o maior número de novos proxectos na comunidade. Por outra banda, a meirande parte dos novos entrantes desenvolven a súa actividade a tempo completo e a gran maioría teñen estudos de nivel medio-alto ou superior. No referido ás orientacións produtivas, domina a horta (27,62%) e o vacún de carne (13,33%). Cómpre destacar que case o 30% das iniciativas analizadas teñen certificación de produción ecolóxica e que moitas delas amosan características propias de modelos agroecolóxicos, polo que os novos entrantes poderían considerarse motores cara un modelo agroalimentario máis sostible.

A pesar destes resultados alentadores, os promotores enfróntanse a obstáculos persistentes, como o acceso á terra e as dificultades nas xestións administrativas, atrancos aos que as administracións públicas deberían dar solución.

A investigación levouse a cabo ao abeiro do proxecto TERRACTIVA, Grupo Operativo coordinado pola EFA Fonteboa, e no que ademais do LaboraTe, tamén participan a cooperativa Horsal, a Fundación Juana de Vega e o GDR As Mariñas-Betanzos.


Arquivos Adxuntos:

  • Artigo na revista Land
← Voltar