Poder débil e labazadas a Casandra

Enviado por laborate o mér, 25/02/2009 - 18:38 GMT.

O pasado mes de Decembro de 2008, Urbano Fra, profesor da Universidade de Extremadura, actualmente desenrolando a súa actividade investigadora na de Santiago de Compostela, publicou en El Periódico de Calalunya un artículo de opinión titulado "Poder débil e labazadas a Casandra", que reproducimos a continuación por cortesía deste xornal.

Poder débil e labazadas a Casandra

En 1984, o Tribunal Supremo de Colorado (EEUU) amparaba o dereito á libre expresión na campaña cidadá contra a construción dun centro comercial nun espazo natural, desestimando a querela da empresa promotora no caso POME. Isto deu un xiro radical a unha era de procesos xudiciais de promotores inmobiliarios contra cidadáns contestatarios, nos que reclamaban multimillonarias indemnizacións por unha pretendida vulneración do dereito á iniciativa empresarial.

Nestes últimos anos temos observado igualmente en España un goteo de reclamacións de danos por parte de promotores ou industriais: a urbanización dun espazo protexido en Ronda (Málaga), un hotel na costa de Almería, unha piscifactoría no dominio público litoral en Galicia e a simulación gráfica de GreenPeace da elevación do nivel do mar en La Manga del Mar Menor (Murcia). Tódolos casos teñen o mesmo patrón: unha empresa demanda a un cidadán ou asociación por difamación, atentado á súa imaxe, prexuízo patrimonial ou interferencia na súa actividade empresarial. Os profesores da Universidade de Denver, Penelope Canan e George Pring, especialista clave no éxito xudicial do caso POME, para definir isto crearon o termo SLAPP, na obra "SLAPPs, Getting Sued for Speaking Out" ("Labazadas, demandado por atreverse a falar"). De modo que os SLAPP, preito estratéxico contra a participación cidadá nos procesos políticos, teñen unha axenda común. Primeiro buscan silenciar toda voz crítica contra a acción do grupo empresarial que cause un dano ambiental, paisaxístico ou patrimonial ós recursos públicos ou privados. En segundo lugar, teñen un propósito preventivo e exemplarizante: acosar a un chivo expiatorio, buscando disuadir a outros individuos ou grupos de obstaculizar os intereses privados, advertindo das consecuencias de unirse á contestación.

O preito antiexpresión - plax, en versión galega - pretende intimidar, anticipando un prolongado, esgotador e custoso proceso xudicial que silencie ós críticos. Non apunta habitualmente a grupos, senón a cidadáns comúns - malia que pertenzan a grupos -, máis vulnerables a uns custes inasumibles. O desencadeante pode ser unha manifestación, escrito ou declaración pública. O propósito do demandante é converter un asunto político, de participación cidadá, nun asunto legal. En ocasións a compra de vontades favorece a división e o conflito na comunidade local.

Os grupos ecoloxistas relevantes son tamén branco dos SLAPP, como cando en 1970 Sierra Club - con 75.000 membros daquela - foi obxecto dunha querela por se opoñer a unha urbanización preto de Sacramento, California. Este estado converteuse por un tempo nun paraíso de demandas xudiciais, ata que se aprobou unha lexislación específica antislapp que fixo que, en calquera denuncia desta natureza, a carga da proba caese sobre o demandante. Pola contra, a táctica do demandado é a oposta: converter un asunto legal nun asunto político, apelando á liberdade de expresión. O resultado dun preito antiexpresión é decepcionante para ámbalas dúas partes. A resolución dilátase e o caso é sobreseído por un tribunal superior. Nalgúns casos, a pesares de perder o preito, o demandante logra continuar a actividade pero cun elevado custe de imaxe para a empresa e, ás veces, un acordo extraxudicial.

Non se pode pasar por alto que o conflito xorde pola intervención cidadá en defensa dos intereses públicos, ante a pasividade do Estado, tentando así participar no proceso de toma de decisións. Cando ante un SLAPP, o Estado, primeiro, inhíbese na defensa dos intereses colectivos e, a continuación, desatende os dereitos individuais, está favorecendo os intereses particulares.

En 1984 a resolución do Tribunal Supremo de California no caso Maple, sinalou que o obxectivo dunha lexislación antislapp debe ser evitar que o perdido no proceso político sexa gañado no xudicial. A cuestión é se debe ser promovida a eficiencia do Estado na protección dos recursos naturais e o patrimonio, ou paliar esta carencia amparando a participación social cunha lexislación antiplax. Mentres, a pitonisa da mitoloxía grega Casandra recibe labazadas cando advirte que a obtención de beneficios privados - explotando o bens comúns - supón uns custes ocultos para a sociedade e o medio ambiente que non están a ser contabilizados.

Precisamos da ciencia para comprender e modelar os efectos da acción do home sobre o medio, porque é a que ten o coñecemento para facelo. Non imaxinamos unha denuncia contra a axencia de meteoroloxía porque a choiva prognosticada impediu realizar un traballo. Comunmente a desconfianza na ciencia está motivada por causas económicas ou ideolóxicas, de forma que uns apuntan a Casandra e outros danlle labazadas. O desentendemento dos cidadáns induce á desidia dos responsables públicos - regra de minimis - e os bens comúns ou recursos naturais pasan a ser considerados terra nullius, dando a razón a Garret Hardin na súa "Traxedia dos comúns". O preito, o plax, está servido.

artículo reproducido por cortesía de El Periódico de Calalunya
URL: http://www.elperiodico.com/default.asp?idpublicacio_PK=46&idioma=CAS&idnoticia_PK=577645&idseccio_PK=1032

nota: SLAPP son as siglas de Strategic Lawsuit Against Public Participation, sendo a pronunciación deste termo igual que a da palabra inglesa slap, que se traduce como labazada.

español