Primeira réplica en tres dimensións da muralla romana de Lugo

Enviado por laborate o mér, 01/12/2010 - 14:19 GMT.

O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acaba de entregar ó concello de Lugo a primeira reprodución en tres dimensións da muralla romana de Lugo, monumento que no ano 2000 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Durante os anos 2008, 2009 e 2010 LaboraTe realizou duos levantamentos topográficos deste monumento para o Servizo de Arqueoloxía do concello de Lugo. Estes levantamentos topográficos veñen a encher un oco moi importante de información sobre a muralla, xa que antes só se dispoñía de estudios previos e parciais, ou sen referencias, que imposibilitaban a integración con outros estudos ou coa cartografía existente da cidade.

O primeiro dos levantamentos topográficos consistiu nun de tipo clásico da muralla e mailo seu contorno, e o segundo nun feito con tecnoloxía Láser Escáner Terrestre que só abrangue o monumento. Ámbolos dous fixéronse con equipamento e medios do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC.

Este uso da tecnoloxía de medición Láser Escáner Terrestre é pioneiro en Galicia, sendo aínda escasos os traballos realizados con esta ferramente na nosa comunidade autónoma, e testimoniais as medicións deste tipo; nin sequera a nivel nacional tense feito, polo de agora, ningunha medición da envergadura e complexidade que presenta a muralla de Lugo. O Láser Escáner Terrestre estase a erguer como a ferramenta máis axeitada para o estudo do patrimonio histórico, xa que permite realizar documentacións xeométricas de superficies e volumes con extrema precisión e grande densidade de información.

O resultado do levantamento topográfico con Láser Escáner Terrestre foi unha nube de máis de 100 millóns de puntos cuxa resolución que oscila entre 3 e 5 centímetros, e que posibilita o desenvolvemento de modelos tridimensionais de grande precisión. Ademais dos puntos de cada área escaneada, recolléronse fotografías que informan do estado das zonas estudadas e tamén a cantidade de luz láser reflectida pola superficie, dato moi útil para o estudo de materiais.

Aparte dos puntos que definen a figura básica do monumento, tomáronse outros correspondentes a elementos ou accidentes particulares tales como resaltes, grietas, varandas ou escaleiras, e prestouse tamén especial interés a elementos de alto valor arqueolóxico, ata agora nunca topografiados, como as escaleiras primitivas escavadas, fustes incrustados, aras ou aspilleras embebidas nos muros ou a liña primitiva da zona do Reduto de María Cristina.

O produto deste levantamento topográfico conforma a información base que vai posibilitar o desenvolmento, nos vindeiros anos, de numerosos traballos de grande precisión relacionados coa muralla como modelos dixitais realistas, reconstrucións virtuais, elaboración de material divulgativo, estudos de deformacións, grietas ou estados de conservación...

Así, a partires de agora o concello de Lugo conta con datos topográficos punteiros tanto en precisión como en volume, e con múltiples aplicacións, como

  • actuacións urbanísticas
  • promoción do turismo
  • conservación do patrimonio histórico
  • investigacións e estudos técnicos




enlaces relacionados con esta nova:

  • concello de Lugo: O Concello presenta un estudo topográfico en 3D da Muralla feito pola Universidade de Santiago
  • La Voz de Galicia: Un levantamiento topográfico en 3D permitirá fijar con precisión las dimensiones de la muralla de Lugo
  • El Progreso: A USC finalizou a primeira réplica en 3D da muralla e unha plataforma para verter datos
english español