"A propiedade aquí é complicada, pero iso pode ser unha fortaleza"

Enviado por laborate o mér, 26/10/2011 - 11:05 GMT.

O pasado 25 de Outubro, publicouse no diario El Progreso de Lugo unha entrevista a Rafael Crecente, director do LaboraTe, na que fala do máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, que xa vai pola segunda edición, e da ordenación territorio en Galicia.

Acerca dos obxectivos do máster e mailo seu enfoque: "Pretende, por unha parte, atender as especifidades e necesidades de Galicia, e tamén a situación de crise multinivel e multitema: enerxética, alimentaria, financieira... Trátase de deseñar e desenvolver estratexias que respondan a esa situación a partir dos recursos e do enfoque territorial, que é ver cales son os recursos e as potencialidades do territorio galego. [...] A terra como recurso natural é a base de partida para transformar terra en territorio, un conxunto de actividades que pretenden a mellor organización dos recursos naturais, da sociedade que os xestiona e das regras que determinan a súa utilización. E no que se refire a Galicia cun foco moi intenso nesas condicións tan singulares de propiedade e como conciliar ese interese individual cos usos e intereses colectivos. Aquí somos moitos propietarios, que por unha parte é bo, pero por outra parte é difícil de xestionar."

A procedencia e formación dos alumnos do máster é moi variada: "Temos alumnos de once titulacións diferentes e cinco países distintos. O ano pasado fixeron unha estadía de dez días con alumnos de universidades portuguesas, holandesas, búlgaras e ata chinesas en Aveiro. Esa interacción e verse expostos a problemas reais resultoulles moi interesante. E é algo que imos ofertar este ano outra vez. A distinción da escola de Lugo é que aquí usamos fundamentalmente tecnoloxía de información xeográfica. Sustitúese a tecnoloxía do cabalo de vapor do tractor pola tecnoloxía da información xeoespacial."

Sobre a ordenación do territorio: "Agora fálase dunha nova lei do solo. Levamos varias que fallan sistematicamente, na miña opinión porque sempre se abordan desde o mesmo enfoque. A lei ten que considerar outras cuestións, o urbano e o rústico, non centrándose só no fenómeno construtivo, a terra pode ter outras utilidades. [...] Deberíamos atender as características da propiedade, esa capa que subxace e que condiciona todo. Faríanos máis efectivos para combater os lumes, o abandono, a urbanización difusa, a contaminación, porque no caso de Galicia teñen un denominador común: a xestión da propiedade, e aí pretendemos aportar algo."

E por último, unha nota optimista: "Galicia é moi diversa. Hai quen di que somos moi complicados, pero iso é unha fortaleza, porque supón que tes moitas posibilidades de resposta partindo de situacións diferentes."

ligazóns relacionadas:

  • El Progreso de Lugo: "A propiedade aquí é complicada, pero iso pode ser unha fortaleza"
  • máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio
english español