Tres membros do LaboraTe asisten ao evento do proxecto F:ACTS! en Portugal

Enviado por laborate o lun, 21/11/2011 - 14:06 GMT.

Os investigadores do LaboraTe Francisco José Ónega, José María Tubío e Andrés Manuel García veñen de participar do 8 ao 10 de Outubro no evento que tivo lugar en Portugal dentro do proxecto F:ACTS!.

F:ACTS! (Forms for: Adapting to Climate Change through Territorial Strategies!) é un proxecto financiado polo programa Interreg IV da Comisión Europea, no que participan 14 organismos parceiros de 8 países. Dentro dos socios españois do proxecto, atópanse a Consellería de Medio Rural e a USC. F:ACTS! busca xerar coñecemento sobre estratexias territoriais integradas de adaptación ao cambio climático a través do intercambio de experiencia e boas prácticas entre os seus parceiros. Do mesmo xeito búscase adquirir nova experiencia neste eido mediante a posta en práctica deste tipo de estratexias en 5 proxectos piloto. As estratexias territoriais integradas buscan a adaptación ao cambio climático mediante políticas e instrumentos orientados a propiciar os cambios na posesión e uso da terra e a multifuncionalidade da mesma.

F:ACTS! Portugal

Durante o evento de Portugal asistiuse no museo do viño de Peso da Régua, a unha presentación de tres instrumentos de planificación portugueses: ITI (Intervención Territorial Integrada), PAT (Plans de Acción Territorial) e ZIF (Zonas de Intervención Florestal). Posteriormente varios expertos fixeron unha introdución aos problemas derivados do cambio climático na rexión do Douro Viñateiro, e falaron de cómo se estaban a aplicar os ZIF no concello de Mação para previr os incendios forestais e do ITI do Douro Vinhateiro destinado a conservar as paisaxes culturais da rexión. Logo realizouse unha sesión de traballo para analizar as potencialidades dos tres instrumentos para aplicar estratexias territoriais integradas.

Tamén se visitou o proxecto piloto do espazo da Rede Natura 2000 do Baixo Vouga Lagunar, onde se fixo unha visita de campo cun experto da Universidade de Aveiro na área. Despois asistiuse na biblioteca municipal de Estarreja a varias conferencias sobre os plans de adaptación ao cambio climático de Portugal, xestión hidrolóxica e os plans de xestión da área do Baixo Vouga Lagunar.

No derradeiro día, asistiuse a varias conferencias en Porto sobre a adaptación ao cambio climático nos plans sectoriais da rexión norte de Portugal, as medidas de aforro enerxético que está a promover a Axencia da Enerxía de Porto e os plans de rehabilitación do casco histórico de Porto. O evento concluíu cunha reunión de coordinación das actividades de F:ACTS!.

english español