Enviado por laborate o lun, 30/04/2012 - 19:57 GMT.
O pasado 25 de Abril o salón de graos do edificio Xurídico-Empresarial
do campus universitario de Ourense acolleu a celebración
da mesa redonda "Por qué arde Galicia?", organizada polo
xornal La Región.
A mesa redonda contou coa intervención de Álvaro García,
fiscal de Medio Ambiente e coordinador de incendios de Galicia;
Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega
de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común; Elier Ojea,
presidente de Confemadera - Galicia; José Luís Castro, presidente
da Federación Ecoloxista Galega; e Rafael Crecente, profesor
titular da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador
do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio.
Este grupo de expertos tentou trasladar argumentos e propostas
ós asistentes. Mália que a cuestión inicial era "Por qué?"
o debate acabou respostando a cuestións máis concretas,
pero non menos interesantes.
Segundo o profesor Crecente, unha das principais causas
dos incendios é o cambio acontecido durante as derradeiras
décadas do século XX no modelo de xestión do territorio,
o cal é consecuencia das profundas transformacións socioeconómicas
experimentadas por España en xeral e por Galicia en particular.
O anterior modelo de xestión do territorio de Galicia, que
levaba funcionando séculos, caracterizábase por (a) Unha
xestión preferentemente colectiva das terras (un 80%) fronte
á individual (un 20%, e moi fragmentada) e (b) A existencia
dun conxunto de institucións informais (reglas de mutuo acordo)
que permitían a xestión do territorio e facilitaban a súa
ordenación e uso.
Pola contra, o novo modelo xestión do territorio conlevou
o abandono do medio rural. Así producíronse profundos cambios
na paisaxe e nos usos do solo, entre os que cómpre salientar
dende o punto de vista do risco de incendios forestais (a)
O aumento da superficie urbana, pero ó mesmo tempo o arborado
e (b) O aumento da superfice ocupada por matorrais e especies
arbóreas frondosas.
Entre as propostas da mesa redonda para atopar solucións
a este problema - que ten empeorado nos últimos anos - están
recuperar a relación entre individuos e territorio, ver
o lume como un síntoma no canto dunha enfermedade, aproximarse
dende unha perspectiva territorial e non so sectorial (ou forestal),
innovar na gobernanza da terra (viabilizar a fragmentación
e acadar novos 'acordos institucionais') ou dar máis protagonismo
ó I+D+i, tanto no eido das ciencias sociais como na aplicación
das tecnoloxías da información.
ligazóns e descargas relacionadas: