O LaboraTe participa na visita do proxecto F:ACTS! a Patra (Grecia)

Enviado por laborate o ven, 04/05/2012 - 12:30 GMT.

O LaboraTe participou na visita de estudo que o proxecto F:ACTS! fixo a Patra (Grecia) do 26 ó 29 de Abril.

visita F:ACTS Patra (Grecia)

F:ACTS! é un proxecto financiado polo programa INTERREG IV que persegue xerar coñecemento sobre estratexias territoriais de adaptación ó cambio climático a través da colaboración e intercambio de experiencias entre 14 parceiros - sendo un deles a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Laboratorio do Territorio - de 8 países membros da Unión Europea. O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) asume dentro do proxecto as tarefas de recopilación e difusión das boas prácticas identificadas nas actividades de F:ACTS!, así como de coordinar as labores de redacción dun manual que recollerá todo o coñecemento xerado.

Para levar á práctica a experiencia que se vai adquirindo en F:ACTS! elixíronse cinco áreas piloto. Unha delas é o parque natural de Strofylia, situado na prefectura de Achaia (Grecia). Entre as actividades programadas en F:ACTS! realízanse visitas de estudo ás áreas piloto para identificar problemas, facer recomendacións e descubrir boas prácticas que sexan exportables ás rexións parceiras do proxecto.

Visitouse a área piloto de Strofylia, onde se identificaron problemas de gobernanza producidos por unha estrutura administrativa demasiado centralizada e sectorializada, que dificulta a implicación dos actores locais e a consideración deles nos procesos de toma de decisións. Dentro da visita de estudo organizouse tamén un evento de diseminación, onde se deu a coñecer os resultados de F:ACTS! ás autoridades locais, membros da universidade de Patra e un representante do ministerio de Medio Ambiente do goberno grego. Na conferencia déronse tamén a coñecer experiencias e proxectos da rexión dos que se aprenderon novas boas prácticas para incorporar ás xa identificadas en F:ACTS!.

visita F:ACTS Patra (Grecia)

Mantivéronse tamén reunións para tratar temas relacionados coa redacción do manual e coa organización de tres conferencias que se celebrarán en Santiago de Compostela, Varna (Bulgaria) e Bruxelas (Bélxica) para difundir os resultados deste proxecto en outras rexións europeas.

english español