Enviado por laborate o mar, 08/05/2012 - 11:24 GMT.
Dende o pasado 24 de Abril están dispoñibles na páxina web
da Infraestrutura de Datos Espaciais da Administración Lucense
(IDEAL) os contidos da edición da Enquisa de Infraestrutura
e Equipamentos Locais de Lugo (EIEL) do ano 2010. Tamén
están dispoñibles os contidos das anteriores edicións da
EIEL, dende o ano 1995.
A EIEL é o instrumento básico de análise e valoración das
necesidades de dotacións locais para efectos da cooperación
económica das entidades locais co estado. Está elaborada
polas deputacións provinciais segundo unha metodoloxía común
fizada polo Ministerio de Política Territorial (MPT). A
EIEL está regulada a nivel estatal nos R.D. 835/2003, do
27 de Xuño, e na APU/293/2006, do 31 de Xaneiro. No caso
da provincia de Lugo, dende o ano 2000 o LaboraTe e a
Deputación Provincial de Lugo
teñen colaborado nas tarefas de implementación e actualización da EIEL.
Nesta páxina pódense encontrar planos de abastecementos,
vivendas, saneamentos e equipamentos de aproximadamente
3500 entidades de poboación espalladas por toda a provincia.
Ademáis, para tódolos concellos, agás a capital da provincia,
elaboráronse 66 cadros contendo diversa información estatística
(infraestruturas viarias, abstecementos de auga, recollida
de lixo, alumeado público...). Toda esta información é dada
en formato PDF.
Dentro da páxina web tamén están dispoñibles servizos
Web Map Service
(WMS) e Web Feature Service
(WFS) que proporcionan información xeo-referenciada (xeometría,
ubicación, atributos) das infraestruturas enquisadas. Estes
servizos son compatibles coas ferramentas informáticas SIX,
tanto de código aberto como propietarias, utilizadas polos
profesionais.
Por último, para os usuarios non profesionais tamén está
dispoñible un visor de mapas de fácil uso que permite a
visualización inmediata da información proporcionada polos
servizos WMS e WFS, a través do navegador - Internet Explorer,
Firefox, Google Chrome... - e sen necesidade de utilizar
as devanditas ferramentas SIX.
ligazóns de interese: