Acto de clausura do máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio

Enviado por laborate o mar, 05/06/2012 - 10:17 GMT.

O pasado venres 1 de Xuño celebrouse no edificio Cactus do campus de Lugo a cerimonia de clausura da segunda edición, correspondente ó curso académico 2011/2012, do máster en Xestión Sustentable da Terra e Territorio (MTT).

acto clausura máster MTT, foto núm. 1

O acto contou coa presenza do rector da USC, Juan Casares Long, o director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, o vicerrector de Coordinación do campus de Lugo, Herradón Pedro García, o presidente da fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, o subdirector xeral de Mobilidade en Terras da Xunta de Galicia, Javier Blanco Carballal e mailo coordinador do programa de máster, Rafael Crecente Maseda.

Durante o evento Silva Rodríguez realizou o discurso de clausura do curso, titulado "Gobernanza na Unión Europea e a investigación no contexto da Política Agrícola Común". Na súa conferencia, Silva Rodríguez centrouse nos efectos que a reforma da Política Agrícola Común da Unión Europea (UE) pode ter sobre a mobilidade de terras en Galicia. Na súa opinión, o efecto será moi pequeno a non ser que esté acompañada por outras medidas gobernamentais, tales como sancións ós propietarios de terras abandonadas. Ó final da súa conferencia enumerou as principais características do programa de investigación da dirección xeral de agricultura da UE no marco dos próximos orzamentos.

acto clausura máster MTT, foto núm. 2

No mesmo evento, o coordinador do máster, Rafael Crecente, presentou o libro "Territorios a exame. Traballos de ordenación territorio.", que recompila os mellores traballos de fin de máster realizados durante a edición 2010/2011. Este libro trata de ser un exemplo dunha visión coherente, ó tempo que multidisciplinar, da xestión e ordenación do territorio.

acto clausura máster MTT, foto núm. 3

Por último, cómpre salientar que se adiantaron algunhas das principais novidades do máster para o vindeiro curso académico. A intención do MTT - que estrea un novo logotipo, "masterra" - é tratar de converterse un laboratorio innovador de ideas sobre a ordenación e xestión do territorio nos complexos tempos actuais. Para eso abrirase á sociedade, reforzando aínda máis a transferencia de coñecemento entre actividade investigadora e os sectores público e privado. Proba desto é a futura colaboración entre a consellería do Medio Rural, a fundación Juana de Vega e o grupo de investigación LaboraTe nun proxecto de investigación sobre a dinámica de terras en Galicia.

ligazóns relacionadas:

  • xornal da USC: "O director xeral de Agricultura da UE clausura en Lugo o máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio"
  • La Voz de Galicia: "Silva, bombardeado a preguntas" (en castelán)
  • La Voz de Galicia: "O problema da terra non se resolveu por que non é fácil"
  • El Progreso de Lugo: "La nueva PAC no tendrá un 'impacto negativo' en el sector lácteo" (en castelán)
  • El Progreso de Lugo: "José Manuel Silva pecha o máster en Xestión Sustentable da Terra"
english español