Enviado por laborate o xov, 14/06/2012 - 10:00 GMT.
Rafael Crecente e outros dous membros do LaboraTe veñen
de participar do 5 ó 8 de Xuño no evento do proxecto
F:ACTS!
- pertencente ó programa INTERREG IVC - que tivo lugar en Bélxica.
F:ACTS! ten como obxectivo xerar coñecemento sobre o desenvolvimento
de estratexias territoriais integradas de adaptación ao
cambio climático a través do intercambio de experiencias
e boas prácticas entre 15 parceiros de 8 rexións Europeas.
Entre estes 15 parceiros atópase a USC, representada a través
do LaboraTe, e a consellaría do Medio Rural e do Mar da
Xunta de Galicia.
Dentro das actividades programadas en F:ACTS! creáronse
5 proxectos piloto - entre os que se atopa o
monte do Carrio,
en Galicia - para desenvolver novas aprendizaxes a partires
de experiencias prácticas. No evento que tivo lugar en Hasselt
e Bruxelas, realizouse unha visita ó proxecto piloto de
De Wijers, na provincia de Limburg.
De Wijers
é unha área de estanques pertencente á rede Natura 2000,
que sofre alteracións producidas por inundacións, secas
e incendios forestais debido ás alteracións nos réximes
pluviométricos e de temperatura producidos polo cambio climático.
Durante a visita estudouse a zona e déronse a coñecer as
actuacións que se están a levar a cabo para paliar os efectos
negativos do cambio climático. A maiores fixéronse tamén
talleres orientados a organizar as próximas conferencias
destinadas a difundir os resultados; unha delas terá lugar
en Santiago de Compostela os vindeiros 24 e 25 de Outubro.
Nestes talleres tamén se traballou nos Policy Issue Papers
destinados a diseminar as políticas adoptadas nos proxectos
piloto para facilitar a aplicación de medidas de adaptación
e mitigación dos efectos do cambio climático.
Finalmente celebrouse en Bruxelas, na sede da Axencia de
Enlace Flamenco-Europea, un Dissemination Event
destinado a dar a coñecer F:ACTS! a diferentes actores flamencos
e membros da Comisión Europea. No evento interviron Claus
Kondrup e Mike McKenzi, das direccións xerais, respectivamente,
de Acción Climática
e de Agricultura e Desenvolvemento Rural
da Comisión Europea. Ambos participantes deron sendas conferencias
sobre políticas de adaptación ó cambio climático e desenvolvemento
rural na Unión Europea.