Enviado por laborate o mar, 03/07/2012 - 11:24 GMT.
O LaboraTe participou na III Conferencia Internacional sobre Patrimonio e Desenvolvemento Sostible
(HERITAGE 2012), celebrada en Porto (Portugal) do 19 ó 22 de Xuño.
O evento reuniu a máis de un cento de profesionais que falaron
do estado da arte no que respecta ás relacións entre as
distintas formas e tipos de patrimonio (natural, paisaxístico,
arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico, inmaterial, etc.)
nun marco de desenvolvemento sostible. O propósito foi compartir
ideas e experiencias sobre qué se está a facer en termos
de investigación, futuras direccións, metodoloxías e ferramentas
de traballo.
A experiencia da muralla romana de Lugo
- monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO
- entre outros traballos, ilustraron a intervención de Beatriz
Guimarey, que expuxo a contribución do escáner láser terrestre
á mellora da conservación do patrimonio. Na conferencia
fíxose patente que esta tecnoloxía, xunto con outras como
os vehículos aéreos non tripulados,
serán imprescindibles no futuro debido á súa contribución
á documentación xeométrica, diagnose de patoloxías e desenvolvemento
de produtos multimedia que melloran o coñecemento e difusión
do patrimonio cultural.