Enviado por laborate o mar, 25/09/2012 - 18:59 GMT.
Co obxectivo de fomentar as iniciativas de protección do
territorio, dende a Asociación de Desenvolvemento Rural
Mariñas-Betanzos xunto coa Fundación Fragas do Mandeo organízase
a "Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas
e Terras do Mandeo", que se celebrará do 27 ó 30 de Setembro,
e na que se desenvolverán diversas actividades.
A custodia do territorio
é unha fórmula de actuación a través da que propietarios
e usuarios do territorio se implican na conservación e no
uso dos valores e recursos naturais, culturais e paisaxísticos.
A Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos
é unha organización sen ánimo de lucro constituída no ano
2008 coa finalidade de agrupar ás entidades interesadas
en promover o desenvolvemento rural no territorio das Mariñas
Coruñesas e Terras do Mandeo, xestionando actualmente o
Programa LEADER 2007-2013.
Por outra banda, a Fundación Fragas do Mandeo
é unha entidade non gubernamental (ONG) e non lucrativa
(ONL) de carácter fundacional. Ten creado o fondo de conservación
da natureza da comarca de As Mariñas, que lle permite adquirir
fincas de interese natural para a protección dos hábitats
prioritarios. Desta maneira, coidan a paisaxe e os bosques,
asegurando un futuro para as especies de animais e plantas
que conforman a biodiversidade destes ecosistemas.
Entre as actividades que terán lugar durante esta Semana,
cómpre salientar a celebración de varias mesas redondas
nas que se debatirán varios temas acerca da custodia do
territorio: oportunidades e condicionantes, mecenado e custodia
en fincas de titularidade pública.
descargas:
- tríptico "Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo" [PDF; ~523 kB]