Enviado por laborate o lun, 01/10/2012 - 12:48 GMT.
A semana do 22 ao 26 de Outubro celebrarase en Lugo un seminario
internacional sobre Sistemas Alimentarios Locais, organizado
polo Laboratorio do Territorio e a universidade Van Hall Larenstein
(Holanda).
O programa abordará nunha primeira parte os contidos teóricos
e conceptuais dos sistemas alimentarios locais, e nun segundo
bloque realizarase un taller con visitas a campo e entrevistas
a axentes locais.
A parte teórica será impartida polo profesor Alfonso Morales,
da universidade de Wisconsin-Madison
(Estados Unidos). Nos primeiros dous días, o profesor Morales
introducirá os conceptos dos sistemas alimentarios e a agricultura
urbana, para logo explicar como os sistemas alimentarios
contribúen á sustentabilidade. As charlas continuarán coa
exposición das iniciativas e ferramentas de planeamento
que se están a desenvolver dentro deste eido para rematar
facendo unha análise comparativa entre os sistemas alimentarios
en Estados Unidos e Europa. A intervención do profesor Morales
será aberta ao público e rematará cun debate cos asistentes,
no que se discutirá sobre os sistemas alimentarios locais
na cidade e na súa área de influencia.
O seminario continuará cunha parte práctica, con visitas
a campo en grupos realizados polos alumnos para elaborar
un plan destinado a fomentar a produción e comercialización
local de alimentos na cidade de Lugo. O devandito plan,
será presentado o sábado 27 nun acto público. A participación
de alumnos de varias nacionalidades e diversas especialidades
no presente taller contribuirá tanto a analizar dende diferentes
perspectivas os sistemas locais de alimentos en Lugo e as
súas inmediacións, como a achegar ideas novedosas para o
fomento dos sistemas locais de alimentos na comarca.
Cómpre salientar que Lugo, igual que case tódalas cidades
galegas, presenta moitas avantaxes para crear este tipo
de iniciativas, dada a forte vinculación da cidade coas
áreas rurais. De feito, persisten na cidade numerosos espazos
que conservan vestixios do seu carácter rural e agrícola,
e que poderían ser recuperados para promover a creación
de áreas verdes a través da agricultura urbana. De feito
xa existen iniciativas de agricultura urbana que teñen moito
éxito, como as hortas ó carón do río Rato.
Este tipo de actuacións poden servir como base a programas
máis ambiciosos que contribúan a crear unha cidade máis
verde e sustentable.