Seminario sobre sistemas alimentarios locais e agricultura urbana en Lugo

Enviado por laborate o mér, 23/01/2013 - 13:45 GMT.

Exposición dos resultados do obradoiro internacional sobre sistemas alimentarios locais organizado polo MasterTerra da USC e a universidade holandesa de Van Hall Larenstein (15 de febreiro no centro de interpretación da reserva da biosfera, paseo do Rato).

sistemas alimentarios lugo - foto 1

O fornecemento de alimentos na actualidade depende dun sistema de produción industrializado, globalizado e altamente dependente do petróleo. Estes factores repercuten nunha serie de incertezas futuras no que á seguridade e soberanía alimentaria se refire; más aínda se se ten en conta o escenario actual de cambio climático e escaseza de combustibles.

As preocupacións orixinadas por estas incertezas deron como resultado correntes como os sistemas alimentarios locais que intentan resolver os problemas de seguridade e soberanía alimentaria, mediante o fomento da produción, procesado e comercialización local de alimentos utilizando recursos locais. Gran parte destas iniciativas céntranse na agricultura urbana que está cobrando forza nos plans de moitas cidades, debido ás oportunidades que ofrece para incentivar a economía local, fomentar iniciativas sociais e mellorar a calidade medioambiental.

Lugo ofrece moitas oportunidades á hora de implementar sistemas alimentarios locais, dado o seu estreito vínculo coas zonas rurais e a actividade agrícola. Boa proba delo é o éxito das hortas urbanas do parque do Rato. Por este motivo, celebrouse do 22 ao 27 de outubro un obradoiro internacional sobre sistemas alimentarios locais, onde alumnos do Master Terra da USC a Universidade Técnica de Van Hall Larenstein estudaron as potencialidades da cidade e o seu entorno para facer propostas sobre o desenvolvemento de sistemas alimentarios locais. Estas propostas traducíronse en catro escenarios que exploran o futuro de Lugo tendo en conta a agricultura urbana.

sistemas alimentarios lugo - foto 2

O próximo 15 de febreiro ás 19:00h, terá lugar no centro de interpretación da reserva da biosfera, situado no parque do Rato, un acto onde os alumnos do Master Terra exporán as vantaxes que os sistemas alimentarios locais e a agricultura urbana poden ofrecer á cidade de Lugo. Os alumnos tamén exporán os resultados do seu traballo no taller internacional e realizarán unha serie de dinámicas, destinadas a que o público asistente participe reflexionando sobre as ideas presentadas e propoñendo novos escenarios e iniciativas para a cidade.

Descargas:

  • Programa do seminario
  • verslag student workshop lugo

Rógase que as persoas que desexan asistir, remitan un correo de confirmación co seu nome e coa súa filiación ou motivo polo que desexan asistir a: andresmanuel.garcia@usc.es e tamén a: und.medioambiente@deputacionlugo.org

español