Xornadas de produción láctea e conservación da natureza na Terra Chá: o papel da custodia do territorio

Enviado por admin o mér, 12/02/2014 - 11:58 GMT.

O pasado 10 e 11 de xaneiro o LaboraTe participou en dúas quendas das xornadas "CONSERVACIÓN E XESTIÓN DOS VALORES NATURAIS NA R.B DE TERRAS DO MIÑO: O PAPEL DA CUSTODIA DO TERRITORIO" que trataron, respectivamente, sobre a conservación e xestión da flora e fauna e sobre produción láctea e conservación da natureza.

As xornadas incluíronse no ciclo de actividades de inverno organizado pola Deputación Provincial de Lugo coa colaboración da Casa das Insuas, Asociación de Custodia do Territorio, Numenius e Concello de Rábade.

Na primeira das xornadas, detalláronse os principais valores de flora e fauna da R.B.- Terras do Miño, con especial incidencia nos taxóns de importancia comunitaria. Na parte botánica, a flora acuática e as formacións de ripisilva (bosques de inundación) caracterizan a reserva, con especies de alto valor de conservación como Eryngium viviparum e Luronium natans. En canto aos valores faunísticos, destaca a comunidade de aves ligadas ao medio agrario con especies ameazadas coma ó mazarico, o sisón e a tartaraña cincenta.

O seguemento das poboacións por parte do persoal do IBADER e Numenius revela que os cambios de uso do solo acontecidos nas últimas décadas afectaron negativamente a unha gran variedade de flora e fauna, fundamentalmente a aquelas especies dependentes de certos manexos antrópicos tradicionais. A conservación futura destes hábitats manexados plantexa retos de xestión nos que a custodia do territorio pode xogar un papel preponderante a través da implicación social e a creación de sinerxias entre os distintos axentes con responsabilidades no territorio. Os cambios no uso do solo acontecidos detalláronse e cifráronse na xornada do sábado a través da presentación do LaboraTe: Cambios na cuberta do solo antes e despois da entrada de España na CEE (recentemente publicado no volume: 'Territorios a exame II. Interpretando os procesos de cambio')

Ditos cambios son a imaxe dun esforzo de reestruturación parcelaria e especialización produtiva das explotacións dende a década dos anos sesenta a través das políticas de colonización e concentración parcelaria que nas últimas décadas, en sinerxia coas políticas agrarias europeas, desencadearon un proceso dual de intensificación-abandono na comarca.

A intensificación ocorre cunha especialización na produción de forraxes e praderías artificiais concentrada nas zonas de maior aptitude produtiva e con maior inversión estrutural (parcelario, viario, regadío, mecanización). Pola contra, na periferia marxinal o abandono da actividade agraria foi seguido dun proceso de reforestación con especies de crecemento rápido (piñeiro e eucalipto) tanto en solo agrario como en matogueiras (hábitats marxinais de alto valor ambiental: prados de sega tradicionais e toxeiras-breixeiras).

En canto ó papel da custodia do territorio dende o punto de vista da planificación e ordenación de usos identificáronse tres posibles liñas de traballo:

  1. Actuación como colectivo de participación nos procesos de redacción de todos aqueles plans que afecten a R.B. “Terras do Miño” (tales como, o recente Plan de Acción da Reserva da Biosfera Terras do Miño ou o anteproxecto de Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia
  2. Actuación como promotor, coordinador e/ou participante nas múltiples convocatorias de proxectos interactivos multiaxente que teñen por obxectivo contribuír ao desenvolvemento e á integración sostible das políticas agrarias e socioambientais.
  3. Formulación, difusión, promoción e articulación dun modelo produtivo alternativo de enfoque territorial, economicamente rendible, ambientalmente sustentable e socialmente xusto no que o produto posto no mercado represente algo máis alén do seu valor nutritivo.

Nas intervencións seguintes constatouse a existencia dun modelo de produción láctea sostible dende o punto de vista da produción de forraxes e a xestión de residuos da man das investigacións do CIAM. Pola tarde presentáronse tres iniciativas locais de produción de leite para o mercado e de venda de derivados lácteos en circuitos curtos que respectan as tres condicións de sustentabilidade citas no informe Brundtland.

english español