Obradoiro internacional de estudantes sobre relacións entre paisaxe urbana e rural na cidade de Lugo.

Enviado por admin o xov, 19/02/2015 - 10:53 GMT.

No pasado, as zonas urbanas e as súas áreas rurais circundantes estaban fortemente relacionadas. As cidades dependían das materias primas producidas no rural e a súa vez, o rural recibía os servizos prestados polas cidades e reciclaba os seus residuos. Esta simbiose entre rural e urbano perdeuse coa chegada da revolución industrial e o desenvolvemento das comunicacións. Grazas á mellora das comunicacións, as cidades poden fornecerse de recursos baratos producidos en zonas distantes. Como resultado, as zonas rurais da periferia urbana perden a súa función e son absorbidas polo crecemento urbano. Isto desencadea unha serie de procesos; como a perda de terreos agrícolas, deterioro da paisaxe e alteración do medio ambiente que dan como resultado a desaparición de traballos no rural, a redución de biodiversidade e a perda de soberanía alimentaria entre outros.

O 25, 26 e 27 de febreiro, celebrarase un taller internacional entre estudantes do MasterTerra da Universidade de Santiago de Compostela e alumnos da universidade Holandesas de van Hall Larenstein. O obxectivo do mesmo é analizar as relacións entre Lugo e a súa periferia rural e propoñer un plan que axude a facer a cidade máis sostible restablecendo a simbiose coa súa periferia. Para elo, tomarase como área de estudo o barrio de O Carmen, unha zona degradada a carón do centro histórico de Lugo, que aínda conserva elementos paisaxísticos do seu pasado rural. O Carmen é unha cuña verde que conecta a Lugo coa paisaxe circundante, os alumnos explorarán as funcións que pode desempeñar O Carmen para aumentar a sostibilidade de Lugo e a calidade de vida na cidade.

Pódese acceder ó programa deste ano aquí.

Os resultados do obradoiro presentaranse o 27 de febreiro ás 19:00 no centro de interpretación da Reserva de la Biosfera Terras do Miño.

O ano pasado celebrouse un obradoiro similar sobre conservación de valores naturais e paisaxísticos na Reserva da Biosfera Terras do Miño mediante a promoción de sistemas alimentarios locais. Pódese consultar o artigo sobre os resultados do obradoiro nas seguintes ligazóns ENG / GAL.

español