Curso de verán "Que facer coa terra que temos? Desafíos da propiedade e uso da terra en Galicia"

Enviado por admin o lun, 08/06/2015 - 10:30 GMT.

Desde o Laboratorio do Territorio, e apoiándose en gran parte na investigación que levan realizando alumnos e docentes do Masterterra desde hai varios anos, estase a organizar o curso de verán "Que facer coa terra que temos? Desafíos da propiedade e uso da terra en Galicia".

O curso aspira a crear un momento de reflexión que nos axude a definir un chisco mellor eses desafíos e cales poden ser os camiños da "investigación-acción" máis eficaces para enfrontarse a eles.

No seguinte enlace atoparedes o programa do curso (o prazo de matrícula estará aberto ata o 21 de agosto):

Durante os últimos catro anos aprobáronse ou estanse reformulando unha serie de instrumentos con incidencia directa na xestión territorial en Galicia. Algúns exemplos notables son as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) a Lei de Montes, a Lei de Mellora da Estrutura Agraria (METAGA), a nova Lei do Solo ou sucesivos cambios nos instrumentos de valoración da terra como a Orde do 28 de xullo de 2011 pola que se aproban os prezos medios de bens inmobles, ou a sentencia do Tribunal Supremo do 30 de maio deste ano que vai ter consecuencias nos deberes que certos propietarios de terra urbanizable van a ter agora coa administración.

Por outra parte, nos últimos tempos tamén son cada vez maiores os avances tecnolóxicos que permiten xestionar mellor o planeamento municipal e darlle máis coherencia a efectos de todo este desenvolvemento lexislativo, como por exemplo o portal SIOTUGA.

De acordo coas estatísticas publicadas pola Dirección Xeral de Catastro, aproximadamente un de cada dous habitantes de Galicia é titular de cando menos unha parcela de solo rústico, o que convirte a xestión territorial nunha tarefa e responsabilidade colectiva. A pesar do rápido desenvolvemento dos ámbitos legal e tecnolóxico -ou, quizais, precisamente debido a el- que incide, dun modo ou outro, nos dereitos e obrigas que os galegos e galegas teñen en relación ás súas terras, existe unha forte necesidade de reflexionar en que dirección desexamos, como sociedade, conducir a nosa paisaxe e territorio. No entanto, existen motivos suficientes para supoñer que estes desenvolvementos adoecen de graves eivas parecidas ás dos anteriores instrumentos, como por exemplo a falta de coordinación, dunha axeitada a delimitación de responsabilidades e competencias, ou de coherencia na súa aplicación nun contexto de propiedade tan fragmentado como o galego. Paralelamente a este desenvolvemento legal a nivel autonómico, tamén existen algunhas iniciativas desde a sociedade civil que tratan de mellorar a xestión territorial.

Os obxectivos do curso de verán son básicamente tres. Primeiro, difundir entre a audiencia cales teñen sido as principais direccións de cambio de uso na paisaxe de Galicia ao longo das últimas décadas, e en que medida estas están asociadas á intensa especialización territorial, e o conseguinte desequilibrio entre diferentes áreas da comunidade autónoma. Interesa coñecer cales son as causas deste desequilibrio e cales poderían ser as súas consecuencias no medio prazo. En segundo lugar, reflexionar sobre o baixo desempeño ou nivel de aplicación que habitualmente teñen os instrumentos legais e tecnolóxicos creados para a xestión territorial en Galicia, discutir sobre as razóns desta baixa eficacia, e propoñer posibles alternativas. O terceiro e último obxectivo é dar a coñecer algunhas das experiencias máis exitosas da sociedade civil, que se autoorganiza para mellorar a xestión territorial.

español