Xuntanza dos membros do Service Point do European Innovation Partnership da Comisión Europea en Lugo.

Enviado por admin o ven, 17/07/2015 - 10:57 GMT.

Visita do equipo a Veiga de Luaces (Beealia)
Autor: Pille Koorberg

Do 6 ó 10 de xullo reuniuse en Lugo o equipo de traballo do Service Point do European Innovation Partnership (EIP-AGRI) da Comisión Europea. A presenza en Lugo deste servizo de asesoramento e información, dependente da Comisión Europea, responde á invitación cursada polos investigadores do Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC integrados en este equipo. O Service Point, liderado pola Axencia Flamenca da Terra (VLM), está formado por un consorcio de varias institucións de Bélxica, Alemaña, Estonia e Francia relacionadas co medio rural e a agricultura e silvicultura. A USC integra o Service Point a través Quico Ónega, Beatriz Guimarey, Andrés García, Marcos Boullón e Eduardo Corbelle, todos técnicos do LaboraTe, que completan un equipo dunhas 24 persoas de 10 nacionalidades diferentes.

Cada 2 meses os membros do Service Point reúnese para a planificación e distribución de actividades e tarefas. Sen embargo por primeira vez dende constitución, este encontro terá lugar lonxe de Bruxelas, desprazándose todos os membros e directivos ás dependencias da USC da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo (Casa do Saber) e do LaboraTe.

Respecto do programa para a súa estadía en Lugo, o Service Point tratou cuestións da súa axenda ordinaria, que xira arredor de catro eixes: xerar publicacións, organizar seminarios, conferencias e paneis de expertos, desenvolver unha web e dotala de contidos e interactuar con organismos e entidades europeas ligadas á agricultura e ao medio rural.

Así mesmo realizaron unha visita a varias explotacións da provincia, onde puideron coñecer de primeira man experiencias relacionadas co agro e a innovación. A percorrido comezou polas explotacións leiteiras de queixería Casa Anxel e a SAT Cabana de gandería intensiva, ambas no concello de A Pastoriza. Finalmente a viaxe de campo rematou en Veiga de Luaces, no concello de Pol, onde Beealia cría parte do seu rabaño de cabrito e cordeiro do país.

Máis información sobre o evento:

O Service Point do European Innovation Partnership da Comisión Europea reúnese esta semana na Casa do Saber de Lugo

Recepción na Vicerreitoría de Lugo aos membros do Service Point do European Innovation Partnership da Comisión Europea

Máis información sobre a EIP-AGRI:

O European Innovation Partnership (EIP-AGRI), a cargo da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión, ten como obxectivo principal a creación de redes temáticas multi-actor que sirvan de punto de encontro para agricultores, consultores, investigadores, industria, ONG e outros. Nestas redes os distintos axentes poden expresar as súas necesidades e compartir as súas ideas e coñecemento. En último termo, este intercambio leva a construír solucións innovadoras que poidan ser máis facilmente postas en práctica. Para elo, conta co equipo do Service Point que organiza e facilita numerosos eventos (conferencias, grupos focais, seminarios) nos que se busca mellorar a comunicación e intercambio de coñecemento así como as identificar necesidades de investigación dos distintos actores.

Con máis dunha trintena de eventos ás súas costas, acaba de abrir a convocatoria para tres novos Grupos Focais (Recepción de solicitudes para participación ata o 7 de setembro). As temáticas dos grupos son:

  • Sistemas agrarios mixtos: gandeiría/ cultivos comerciais
  • Benchmarking da productividad e sostenibilidad das explotacións
  • Reducción das emisiones en gandeiría
english español