O LaboraTe participou no VI Congreso Internacional de Agroecoloxía celebrado en Vigo

Enviado por admin o xov, 23/06/2016 - 15:23 GMT.

O pasado 16 e 17 de xuño celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais en Lagoas-Marcosende (Vigo) o VI Congreso Internacional de Agroecoloxía, cambiando os modelos de consumo para construír sistemas agroalimentarios sostibles, organizado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo.

O Congreso reuniu a 200 agroecólogos e agroecólogas de Europa e Latinoamérica que presentaron 40 pósteres e 57 comunicacións orais entre as cales figuraron traballos da academia, a investigación-acción e tamén experiencias innovadoras no ámbito produtivo, dende as hortas terapéuticas aos comedores escolares, pasando polas conservas de estrugas ou a cervexa de sabugueiro. Xavier Simón, director do grupo, explicaba na inauguración que as dúas xornadas "eran unha combinación de ciencia e de sabedoría; un espazo no que se encontraban homes e mulleres que traballan no eido científico pero tamén homes e mulleres que traballan directamente coa terra".

Para apoiar a substitución do paradigma do máis é mellor polo de o suficiente basta, os catro ponentes das conferencias plenarias introduciron outros tantos marcos de reflexión entorno á agroecoloxía, non como ferramenta para o cambio se non como alternativa ao modelo socioeconómico actual. Jorge Riechmann, na conferencia de apertura, introduciu o século XXI como "o século da gran proba" polas discontinuidades na historia que se presentan, como o primeiro momento en toda a era industrial no que a dispoñibilidade de enerxía primaria per cápita diminuíu con respecto a anos anteriores e, por outra, en que se superou nun grao a temperatura media do planeta respecto da época preindustrial.

Óscar Carpintero ollou o sistema agroalimentario coa mirada do metabolismo social; Cristina Carrasco puxo no centro a sostebilidade da vida coa visibilización do capital socioeconómico dos fogares reprodutivos e a economía e traballo dos coidados e, finalmente, Clara Nichols, na conferencia de clausura, evidenciou a importancia dos sistemas biodiversos e resilentes fronte ao cambio climático e a alimentación planetaria como desafíos do futuro.

Este marco temático das conferencias plenarias deu pé a outros tantos grupos de traballo sobre novos mercados de consumo de alimentos e metabolismo social; o sector público como demandante de alimentos; feminismo, agroecoloxía e coidados; e agricultura social e terapéutica.

Ao longo das dúas xornadas e nos distintos formatos de participación, abordáronse as tres dimensións da agroecoloxía: a técnico-produtiva, con temas como temas como o manexo agroecolóxico de sistemas ou as estratexias para a conservación da biodiversidade a groalimentaria; a política, con debates sobre o papel das institucións públicas como demandantes de alimentos; sobre a acción social e comunitaria para mobilizar recursos abandonados e construír solucións para a alimentación e a socio-cultural, coa análise de novas formas de coñecemento e de propiedade para a sustentabilidade, experiencias comunitarias de desenvolvemento humano e ética, epistemoloxía e educación para a agroecoloxía.

Precisamente, a medio pé entre a acción social para a mobilización dos recursos abandonados e a análise de formas de propiedade estivo a participación do LaboraTe coa comunicación titulada "Mercados de terras… construídos? Unha xanela ás múltiples facianas da realidade" presentada pola alumna do Programa de Doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, María José Enríquez García.

O obxectivo da comunicación foi reflexionar sobre as implicacións de asumir o paradigma dos sistemas de administración de terras para diagnosticar o mercado de terras en Galicia, onde conviven dereitos de propiedade da terra privados individuais e colectivos e onde durante séculos estiveron vixentes sistemas de xestión de terras consuetudinarios. En particular, o texto trata de retomar a complexidade do concepto de terra entorno ó uso agroalimentario desta, reflexionar sobre os dereitos de propiedade como obxecto de intercambio e aproximarse ás distintas dimensións da realidade para comprender a mobilidade de terras para, finalmente, propor unha metodoloxía de diagnose que as integre.

español