LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Xuntanza ao abeiro do convenio de colaboración para a Observación da Mobilidade de Terras de Galicia


A semana pasada tivo lugar unha xuntanza técnica do Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia.  A xuntanza centrouse na preparación da información de base necesaria para a elaboración do Informe Anual da Mobilidade de Terras de Galicia para o ano 2017. Ademais abordáronse os distintos datos e indicadores dos que dispoñen cada un dos organismos para a xeración de estudos temáticos relacionados co cambio de usos do solo, a relación entre o prezo do leite e o prezo de arrendamento de terras, así como para analizar a demanda e oferta de terras no Banco de Terras.

Na xuntanza estiveron presentes representantes do Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Tributaria de Galicia, Fundación Juana de Vega, Fondo Galego de Garantía Agraria, Instituto Galego de Estatística, Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e do Laboratorio do Territorio da USC.

O Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia creouse a fins do 2016 e ten como obxectivos identificar as dinámicas do mercado de terras rústicas en Galicia, dotalo dunha maior transparencia tanto para axentes privados e públicos, e ofrecer información relevante para a adopción de políticas públicas que permitan unha máis efectiva mobilización produtiva das terras.

O Observatorio xorde das propostas e recomendacións que resultaron do proxecto “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial”  desenvolvido nos anos 2013 e 2014 entre Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC. Neste proxecto analizáronse as distintas fontes de información relevantes para o estudo da mobilidade e identificáronse obstáculos á mesma, e sobre todo avanzouse nunha metodoloxía de intercambio e tratamento de datos que agora terá continuidade no tempo a través do Observatorio.

O informe técnico de dito proxecto pode descargarse aquí.