LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Portugal e Galiza unen forzas para impulsar a xestión activa do espazo rural e reducir a vulnerabilidade fronte a incendios


O venres 15 de decembro tivo lugar a xornada de lanzamento do proxecto POCTEP PAISACTIVO en Monterrei. A iniciativa nace co obxectivo de reducir a vulnerabilidade do territorio ante o risco de incendios mediante a posta en valor e mellora da xestión sostible dos terreos agroforestais ao tempo que se protexen e dinamizan os asentamentos rurais. 

Para conseguilo establécense 3 obxectivos: 

  1. Mellorar e innovar os instrumentos para a xestión resiliente do espazo rural, en particular aqueles para recuperar terras abandonadas superando as barreiras da situación fundiaria. 
  2. Fomentar a implantación e desenvolvemento de Proxectos Territoriais Modelo, actuacións integrais de dinamización a escala paisaxe, incluíndo as aldeas e a súa contorna. Ademáis implantaranse dous proxectos piloto, un no municipio de Monterrei en Galicia e outro no de Baião en Portugal. 
  3. Asegurar a cooperación futura destes novos modelos de dinamización do rural no espazo transfronteirizo.
O consorcio do proxecto está liderado por AGADER e está formado pola Comunicade Intermunicipal Tâmega e Sousa, a Universidade de Porto, a Fundación Juana de Vega, a Direçao Geral do Territorio, o Município de Baião, o  Concello de Monterrei e a Universidade de Santiago de Compostela representada polo LaboraTe. O LaboraTe será o coordinador da actividade 1 cuxo obxectivo é diagnosticar o marco estratéxico e operativo actual para a xestión activa do espazo rural en ambas rexións. A tarefa incluirá tamén a identificación e capitalización de boas prácticas tanto da zona de intervención como de iniciativas en outras rexións europeas.