LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

O IBADER convoca a II edición do premio Rafael Crecente


O profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015) estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Foi profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vencellado principalmente á investigación, como director do Grupo de Investigación  Territorio-Biodiversidade - Laboratorio do Territorio, e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) desta universidade. Asemade, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador -lugar no que impulsou un programa de colaboración- así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest e profesor invitado na Universidade de Múnich. E investigador do IBADER adscrito ao Grupo de Investigación 1934 - Territorio e Biodiversidade.

O xurado concedeu a primeira edición do Premio Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón dotado con 2.000 euros de gratificación en metálico, a a aplicación móbil de axuda á decisión ‘Galterrae’, desenvolvida por Estela Paradelo Fernández, enxeñeira en Xeomática e Topografía e máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio pola USC. O xurado tamén concedeu unha mención á candidatura presentada polo enxeñeiro agrónomo Iván Díaz López, quen concorreu a esta convocatoria coa proposta "Mecanismo agrario de reestruturación comunitaria da superficie".

O prazo de presentación de candidaturas está actualmente aberto e finalizará o 15 de marzo de 2019.

A disposición dos interesados quedan as bases do premio e o formulario de inscrición de candidaturas.