LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Últimas novidades da Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais da Provincia de Lugo


O LaboraTe está a piques de rematar unha nova edición da Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais da Provincia de Lugo (EIEL2018), que se atopa actualmente en fase de validación e corrección. Nesta nova edición ampliouse a enquisa incluíndo máis de 500 novos núcleos de poboación. Esta ampliación está enmarcada nun proxecto de 4 anos que pretende aumentar o alcance da enquisa englobando máis de 2000 novos núcleos de poboación, e que finalizará na vindeira edición da EIEL.

Ademais, este ano ven de renovarse por completo o funcionamento e aparencia da páxina web, baixo o novo enderezo eieldelugo.usc.es. Nesta web, serán postos a disposición pública nos vindeiros meses os datos da edición EIEL2018.

Tamén se rematou recentemente unha nova edición do curso QGIS básico para técnicos municipais, co que pretende contribuír á difusión das tecnoloxías de información xeográfica no eido municipal. Estes cursos pretenden mellorar as competencias técnicas do persoal municipal en SIX, coa fin de mellorar a transmisión de información desta natureza entre as diferentes institucións. Esta edición realizouse por primeira vez en modalidade semi-presencial debido ó COVID-19, desenvolvendo a metade do curso no edificio CACTUS do Campus de Lugo da USC e a outra metade mediante clases online.