LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

O LaboraTe participa na conferencia anual do proxecto H2020 SHERPA


O pasado 31 de Xaneiro e 1 de Febreiro tivo lugar a conferencia anual do proxecto H2020 SHERPA (Sustainable Hub to Engage into Rural Policies with Actors) no que o LaboraTe participa co-liderando unha das 40 plataformas multi-actor (MAPs) de Sherpa xunto co grupo de investigación ECOAGRASOC da USC.

Estas plataformas funcionan como interfaces para o diálogo entre cidadáns, investigadores e responsábeis políticos e buscan mellorar a formulación de políticas con impacto nas áreas rurais.

A conferencia contou coa participación de Beatriz Guimarey que fixo unha breve presentación sobre as aprendizaxes coa MAP galega e o role que este tipo de plataformas poden ter na implementación da Visión a Longo Prazo para as Áreas Rurais Europeas na que a Comisión Europea leva traballando dende 2021. Entre outros aspectos resaltouse o potencial que estas interfaces teñen para mellorar a definición e a implementación de políticas para o rural, atendendo mellor á diversidade territorial, con roles e actores mellor identificados, con prioridades sociais máis consensuadas ou a detección en tempo de potenciais conflitos.

A intervención rematou con unhas reflexións sobre aspectos a ter en conta de cara ó futuro, como por exemplo buscar fórmulas que poidan permitir a súa consolidación e funcionamento no medio-longo prazo, e estender a súa aplicación a outros ámbitos temáticos e tamén ó resto do ciclo político, incluído o monitoreo e avaliación das medidas e accións postas en marcha.