LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Son os SUDS unha boa solución baseada na natureza para as cidades galegas?


As solucións baseadas na natureza son unha ferramenta emerxente e cada vez máis necesaria para a loita contra o cambio climático e a mellora das condicións de vida dos habitantes das cidades.
 

Dentro delas a recollida e control de augas pluviais (SUDS polas siglas en inglés), para o emprego en rego e creación de zonas húmidas nas áreas verdes das cidades, pode ser interesante no futuro en Galicia.
 

Os últimos eventos meteorolóxicos móstrannos a realidade dunhas situacións cada vez máis extremas, con ciclos alternantes de días con moi altas precipitacións de réxime tormentoso e case subtropical a períodos de seca e altas temperaturas.
 

Nestas situacións que se adiviñan cada vez máis frecuentes en Galicia, estas solucións que pola súa compoñente urbanística e de construción civil leva tempo adoptar e implementar, debe terse moi en conta sen embargo as condicións de cada cidade e o seu contexto. Condicións como a topografía, tipos de solo e configuración da capa freática e acuíferos poden facer inviables ou contraproducentes tales solucións.
 

Estas e outras iniciativas foron discutidas e mostradas sobre o terreo durante a semana pasada na Conferencia Conexus 2024 en Barcelona, cidade cunha importante experiencia en SUDS.

O proxecto CONEXUS onde o equipo do LaboraTe traballou durante os últimos 4 anos na actividade “2.1 Contextualización” é un proxecto do programa H2020 da Unión Europea que a través de laboratorios en vivo (Life Labs) dentro de 3 grandes cidades europeas e 4 latinoamericanas estudou as solucións baseadas na natureza en contextos urbanos.
 

Aquí podedes encontrar o programa e diversos materiais desta conferencia que concentra e resume o coñecemento acumulado e posto en práctica en 7 Life Labs durante os 4 anos de proxecto. Particularmente interesante para a cidade Lugo pola nosos hortos urbanos é tamén o material do Life Lab de Barcelona que se centrou nos aspectos medioambientais e sociais destes e os seus beneficios.