LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

A aprendizaxe de tecnoloxías xeoespaciais en entornos interdisciplinares: ensaio de aproximacións pedagóxicas innovadoras


Durante os anos 2020 a 2023, un grupo de traballo formado por investigadores de varias universidades europeas levaron a cabo o proxecto CROSSLAND - A new cross-disciplinary framework for studying the landscape over the long term (Erasmus+ KA2). O obxectivo do proxecto era probar novas aproximacións pedagóxicas relacionadas coa aprendizaxe das tecnoloxías xeoespaciais, particularmente para unha audiencia diversa desde o punto de vista do nivel académico e multidisciplinar. O elemento central do proxecto foi a realización dunha escola de verán en Santiago de Compostela, en xullo de 2022, na que estudantes de máster e doutoramento con diferentes perfís formativos (arqueoloxía, enxeñería forestal, xeografía...) se enfrontaron a unha semana intensiva de traballo colectivo crosdisciplinar.
 
O marco pedagóxico utilizado baseouse na dosificación da "incomodidade epistémica", a través da manipulación de catro elementos didácticos que obrigaron aos estudantes a tomar decisións autónomas e compartir diferentes conceptualizacións do espazo e a análise espacial: o traballo grupal e cros-disciplinario; a visita de campo como vía de familiarización co espazo; o uso de seminarios teóricos dirixidos polos propios estudantes; o uso de sesións de laboratorio centradas nun portafolio de métodos dispoñibles e explicados a través de exemplos resoltos, de entre os que os estudantes poden escoller aqueles que máis se adaptan aos seus obxectivos. Os resultados mostraron que unha aproximación deste tipo permitiu aos estudantes comprender mellor a complexidade que enfronta a análise espacial e como unha mesma realidade pode ser enfocada e investigada a través de diferentes combinacións de perspectivas e métodos.
 
Vincenza Ferrara, Flor Álvarez-Taboada, Gert-Jan Burgers, Eduardo Corbelle-Rico, Miguel Cordero, Eduardo Dias, Anneli Ekblom, Stefanos Georganos, Jeff Howarth, Maurice de Kleijn, Tommaso La Mantia, Niels van Manen, Giovanna Sala, Rafael da Silveira Bueno, Philip Verhagen & Anders Wästfelt (22 Mar 2024): Scaffolding geospatial epistemic discomfort: a pedagogical framework for cross-disciplinary landscape research, Journal of Geography in Higher Education, DOI: 10.1080/03098265.2024.2333291 (https://doi.org/10.1080/03098265.2024.2333291 )