LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

O relevo xeracional agrario a debate no 30º Congreso da Sociedade Europea de Socioloxía Rural


O relevo xeracional está á orde do día en innumerables discusións, incluídas as dos principais sectores produtivos. Abordar as incógnitas que nos formula quizais non é tan recorrente. Co obxecto de contribuír a ese debate, a nosa compañeira Guillermina Fernández asistiu en Riga ao 30º Congreso “Navegando as transicións rurais: explorando futuros habitables”, da Sociedade Europea de Socioloxía Rural.

O evento, celebrado entre os días 7 e 11 de xullo, reuniu máis de medio millar de persoas expertas sociólogas, economistas, historiadoras, xeógrafas, agrónomas ou antropólogas, entre outras, para debater sobre ecoloxía e economía ambiental, os sistemas agroalimentarios, o acceso á terra agraria e vivenda, as políticas que afectan aos espazos rurais e o seu deseño e enfoque, ou cuestións de diversidades e disparidades de xénero; todo dende as perspectivas e os contextos rurais.

Guillermina presentou os resultados preliminares dunha investigación que analiza as perspectivas e realidades das mulleres no sector agrario, así como ás súas motivacións e retos á hora de incorporarse ao mesmo procedendo doutros sectores laborais.

A oportunidade de poñer en común a investigación e os seus resultados cos doutras centradas nas mesmas temáticas contribúe a unha melloría na discusión e na toma de decisións sobre os posibles pasos a seguir.

Este traballo encádrase dentro do proxecto Xénero, sustentabilidade e saberes rurais. As mulleres do campo como axentes de cambio na actual crise ambiental financiado polo Instituto das Mulleres (Ref. 7-1-ID24) do grupo de investigación Histagra.

Pódese atopar máis información do devandito congreso accedendo á páxina web: ESRS Congress 2025