Nun contexto de transición ecolóxica e necesidade urxente de reequilibrio territorial, o medio rural non pode seguir sendo tratado como un espazo periférico. Debe recoñecerse como un motor clave de innovación social, sustentabilidade económica e cohesión territorial. Con esta motivación de fondo, nacen as xornadas
“Acordo Rural, liderando a transición desde os municipios rurais”, unha oportunidade estratéxica para situar os desafíos do rural no centro das políticas públicas.
Este encontro, organizado polo Concello de Carballeda de Avia, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Deputación Provincial de Ourense, a Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, celebrarase os días 28 e 29 de outubro de 2025 no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, con visitas programadas ás aldeas de Penedo e Muimenta. A USC, a través do Laboratorio do Territorio, forma parte do comité organizador.
Máis que un programa de visitas e debates, o
Acordo Rural será un espazo de encontro entre expertos, axentes rurais, representantes institucionais e iniciativas de referencia de España e Europa. O obxectivo é consensuar unha
visión común para abordar os grandes retos e oportunidades dos concellos rurais e acordar as directrices xerais que guíen a acción coordinada das administracións públicas a curto e medio prazo.
O programa inclúe:
- Mesas de debate sobre políticas rurais, innovación e sustentabilidade
- Presentación de casos inspiradores de España, Portugal e Italia
- Visitas a experiencias reais en Penedo e Muimenta
- Espazos de diálogo para fomentar alianzas e colaboracións
Ademais, entregarase o Premio ao
Municipio Rural Innovador, que recoñecerá proxectos exemplares no ámbito local.
As prazas son limitadas e adxudícanse por orde de confirmación. As persoas interesadas poden inscribirse antes do
10 de outubro escribindo a:
secretariatecnica@eusyan.com
Máis información:
Programa (versión 22/09/2025)