Durante os días 11, 12 e 13 de novembro, o Laboratorio do Territorio organizou o curso “Territorio vivo, ciencia no limiar: camiños emerxentes á beira da intelixencia artificial” , unha proposta formativa que convidou a explorar novos xeitos de comprender e practicar a ciencia nun tempo marcado pola aceleración tecnolóxica.
O curso, que tivo lugar no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), combinou reflexión teórica, exercicios aplicados e dinámicas participativas, e propuxo explorar como a ciencia podía avanzar cara a modelos máis sustentables, relacionais e atentos á vida, nun momento no que a intelixencia artificial está a redefinir os sistemas ecolóxicos, humanos e territoriais.
Impartida por Elsa Coímbra, doutora en ciencias sociais e educadora en ciencia rexenerativa, a formación reuniu durante tres xornadas un grupo diverso de vinte participantes para percorrer un itinerario que comezou situando a ciencia na súa traxectoria histórica, examinando os paradigmas que a construíron e os límites que deixou fóra. A partir desa mirada contextual, o curso avanzou cara a unha exploración máis íntima: a da persoa investigadora como instrumento, convidando a recoñecer que investigar tamén implica poñer en xogo a percepción, a atención e a experiencia propia.
Finalmente, o programa abriu un espazo de reflexión sobre o impacto da intelixencia artificial e sobre como os novos sistemas tecnolóxicos están a transformar tanto a práctica científica como a nosa relación coa realidade, formulando preguntas sobre futuros posibles e sobre o papel dunha ciencia máis relacional e atenta á vida.
Máis info:
Programa