Ademais da concentración parcelaria e dos mercados de terras, outro proceso que pode axudar a mellorar a estrutura parcelaria é a permuta de parcelas entre propietarios. Así o recolle a recentemente aprobada
Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que inclúe a permuta voluntaria de parcelas como un dos procesos a incentivar.
A permuta de parcelas entre varios particulares é un problema que presenta un número grande de posibles solucións e que ten un custo computacional elevado. Por exemplo, se hai 5 propietarios con 20 parcelas por propietario o número de posibilidades está na orde de 10^69.
Para afrontar ese problema, O GAC desenvolveu un algoritmo baseado en algoritmos xenéticos, que tomando unha función obxectivo dada, como pode ser a suma das distancias entre as parcelas de cada propietario, permite obter solucións aceptables nun tempo razoable. Este algoritmo estase desenvolvendo dentro do
Grupo Operativo para a Mellora da Xestión de Terras nas Cooperativas Gandeiras, no que participan tamén a
Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos,
Cusoviame (S.C.G.),
Os Irmandiños (S.C.G.), o
Laboratorio do Territorio (Universidade de Santiago de Compostela) e o
Instituto Galego de Calidade Alimentaria.
Para a relación das probas o algoritmo integrouse no servidor
GeoServer, publicándose mediante o protocolo estándar
WPS, e implementouse unha interface de usuario desenvolvida con
OpenLayers e
GeoExt.
Nas seguintes figuras pode verse a situación inicial dun caso de proba e unha das solucións obtidas. Cada cor representa as parcelas dun propietario. Tamén se pode ver unha captura da interface de usuario desenvolvida.