LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Evento Multiplicador do proxecto ERASMUS + SFATE en Santiago de Compostela.


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de celebrar o 23 de Novembro un evento multiplicador no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela de Santiago de Compostela para dar a coñecer os resultados do proxecto SFATE. Ao evento asistiron alumnos e profesores das ramas de formación profesional agrícola e electrónica e electricidade así como representantes de cooperativas agrarias e outras organización do eido da agricultura. No evento tamén participaron representantes da Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA Galicia) e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago, outros dous (xunto coa consellería) dos seis socios do proxecto SFATE.

Tras unha benvida de Manuel Corredoira, Director xeral de Formación Profesional, José Manuel Campos de EFA Galicia presentou o portal web de SFATE. Este portal está destinado a dar a coñecer as novas tecnoloxías na agricultura, as oportunidades de emprego que xorden asociadas ás mesmas e os recursos formativos que se poden utilizar para adquirir as competencias necesarias para acceder a estas oportunidades de emprego. Tras a presentación do portal web, Andrés Manuel García do Laboratorio do Territorio, presentou as conclusións do informe de SFATE, elaborado a partir da análise da información recollida no portal web. O informe estará dispoñible a finais de ano a través do portal web.

O evento concluíu cunha mesa redonda sobre a achega dos centros de formación profesional as novas tecnoloxías agrícolas e as oportunidades de novos empregos no rural.

 
Pode visitar o portal web de SFATE en sfate.eu