LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Rematan as Xornadas de Participación Pública de Inverclima


O proxecto Inverclima ven de rematar as tres xornadas de participación pública, ás que asistiron en torno a medio cento de cidadáns, axentes da administración pública ou investigadores.

As xornadas, que tiveron lugar o 26, 27 e 28 de Xaneiro, consistiron en eventos en liña nos que se deu a coñecer o proxecto Inverclima e se fomentou un debate sobre Infraestrutura Verde para afondar neste concepto. Por outro lado, as xornadas tamén buscaban recoller información para validar e mellorar a metodoloxía de delimitación da Infraestrutura Verde que se está a desenvolver en Inverclima. Con este fin, pedíuselles aos participantes que identificaran zonas con alto potencial para albergar Infraestrutura Verde na comarca de Lugo; xa que esta zona é a escollida para testar as metodoloxías desenvoltas.

Cada sesión estivo dividida en dous bloques. Na primeira parte, e a modo de introdución, os participantes puideron afondar no seu coñecemento práctico sobre a Infraestrutura Verde, os servizos ecosistémicos e os impactos derivados do cambio climático. A segunda parte de cada xornada centrouse en explicar o funcionamento dun Sistema de Información Xeográfico Participativo (PPGIS), deseñado para recoller as zonas propostas polos participantes para localizar infraestrutura verde. Unha vez esplicada a ferramenta, os participantes puideron rexistrarse nela para facer probas e debuxar nun mapa zonas susceptibles de albergar Infraestrutura Verde, zonas con alto potencial para proveer servizos ecosistémicos e áreas susceptibles de sufrir impactos do cambio climático.

Así por exemplo os participantes sinalaron áreas en risco por inundacións, áreas onde a produtividade agrícola ou forestal se está a ver minguada, ou áreas nos que existe perigo de danos a bens ou persoas por fenómenos meteorolóxicos extremos. Tamén se sinalaron zonas relacionadas con servizos ecosistémicos, como por exemplo, filtración de contaminantes ou regulación do ciclo hidrolóxico.

Finalmente en canto á elementos de infraestrutura verde, as contribucións tamén foron variadas, incluíndo a delimitación de corredores ecolóxicos, zonas multifuncionáis e tamén algunha zona núcleo.

Todas estas áreas sinaladas polos usuarios permitirán ós investigadores de Inverclima comprobar a precisión da metodoloxía desenvolvida e mellorala.

https://inverclima.usc.es/participacion-publica/jornadas-de-participacion/