O LaboraTe comezará a traballar nunha nova edición da EIEL despois de que fose asinado, pola Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo, o convenio para a súa elaboración o pasado xoves 16 de decembro de 2021. Esta nova edición, denominada EIEL 2021, conterá todas as modificacións nas infraestruturas e equipamentos locais que se produciron nos concellos menores de 50.000 habitantes da provincia de Lugo nos anos 2020 e 2021. Polo tanto, a diferencia das edicións anteriores, a EIEL 2021 terá un carácter bianual, tal e como se recolle nas directrices para esta edición elaboradas polo Grupo de Traballo da EIEL (GT-EIEL) do Ministerio de Política Territorial e Función Pública. Nesta nova edición, o LaboraTe incorporará na enquisa a información de máis de 5.000 entidades de poboación da provincia de Lugo. Isto é posible grazas á ampliación realizada nas catro edicións anteriores que supuxo duplicar o número de entidades consideradas na enquisa e polo tanto o grao de cobertura da Provincia.
Ademais, como ven sendo habitual, nesta edición volverase realizar un curso de formación en GIS para técnicos municipais, renovando o compromiso do LaboraTe e a Deputación de Lugo pola diseminación das tecnoloxías GIS entre as entidades municipais da provincia, fomentando a súa incorporación no traballo diario do persoal municipal.
Por último, o LaboraTe continuará a empregar a información da enquisa para a realización de estudos territoriais e a elaboración de información e indicadores sobre as infraestruturas e equipamentos na provincia que serán disponibilizados ao remate da edición para o seu uso público.
Ligazóns relacionadas:
Web da EIEL da provincia de Lugo
Nova USC
Nova Deputación de Lugo