LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

O proxecto FORVALUE encara a súa fase final


O proxecto Interreg FORVALUE sigue avanzando, e no día de onte tivo lugar o taller rexional de estratexias para mellorar a coordinación transfronteiriza. Esta xuntanza foi a primeira das dúas previstas para este mes, e tivo como obxectivo principal avanzar nos contidos do protocolo de coordinación en materia de planificación e xestión forestal transfronteiriza, que se está a elaborar como parte dos resultados da actividade 3. A el asistiron os membros do consorcio do que o LaboraTe forma parte representando a USC, así como outros axentes convidados.


A finais de marzo o LaboraTe tamén asistiu ó Taller interrexional de coordinación transfronteiriza de Galicia, organizado pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, coa colaboración do Concello de Carballeda de Avia. Nel o LaboraTe encargouse da presentación das ferramentas SIForesT (Sistema de Información Forestal) e a App #COForest, dous novos recursos dixitais de acceso público e gratuítos que están deseñados para dar impulso ás novas iniciativas de xestión asociativa da propiedade. As prestacións que achegan estas ferramentas baséanse na posibilidade de poñer en contacto a propietarios e promotores potencialmente interesados en fomentar unha nova iniciativa ou, no seu caso, en adherirse a unha liña de actuación xa existente. SIForesT e a App #COForest son ferramentas transfronteirizas que conteñen cartografía tanto de Galicia como do norte de Portugal e que permiten unha visión holística do ámbito da ordenación e xestión.

Neste evento participaron os socios implicados neste programa (Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, a USC, a Asociación Forestal de Galicia, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, a Asociación Forestal de Portugal e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo), xunto cos rexedores de varios concellos galegos colaboradores, como é o caso de Arbo, As Neves, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Carballeda de Avia, ademais doutros axentes locais, e que contou tamén coa presenza da Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.