LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

O proxecto europeo SHERPA fai dúas novas publicacións con contribucións do LaboraTe


O proxecto Sherpa ven de publicar dous informes que recollen parte dos resultados froito do traballo desenvolvido en 2021.

A primeira das publicacións é o informe que recompila os resultados do traballo levado a cabo por 5 das plataformas multi-actor (MAP) do proxecto, entre elas a MAP galega. Estas plataformas fixeron un exercicio prospectivo (“foresight”) sobre as súas áreas rurais tendo como horizonte o ano 2040. Na MAP galega o exercicio desenvolveuse en tres fases, comezando pola avaliación de escenarios probables e desexables para os distintos rurais galegos. A continuación identificáronse metas e obxectivos específicos a acadar en 2040 en liña co escenario desexable, e finalmente propuxéronse traxectorias para acadar ditos obxectivos. É dicir indicáronse intervencións, procesos políticos a poñer en marcha, así como actores necesarios para poder desenvolver ditas accións e acadar as metas definidas para 2040.

A segunda das publicacións é o informe da conferencia anual do proxecto, que recolle un resumo dos debates e presentacións que tiveron lugar, entre elas a do Laboratorio do Territorio.

A MAP galega continuará o seu traballo en 2022, nesta ocasión abordando a dimensión social das áreas rurais. O obxectivo é facer recomendación para políticas neste ámbito e tamén detectar necesidades de investigación ou lagoas de coñecemento que sería recomendable cubrir nos próximos anos para avanzar de xeito eficiente na implementación de políticas neste ámbito.