O pasado xoves 5 de Novembro tivo lugar a primeira xuntanza do Grupo Operativo TERRACTIVA. O proxecto ten como obxectivo fomentar e apoiar a incorporación á actividade agroecolóxica, en particular de persoas sen vinculación previa co sector agrario, os chamados novos entrantes. O proxecto está coordinado pola EFA Fonteboa, e nel participan tamén a cooperativa Horsal, a Fundación Juana de Vega, o GDR As Mariñas-Betanzos e o LaboraTe. Ademais, colaboran Slow Food Compostela e dous produtores do territorio das Mariñas (Granxas de Lousada e Eloy Galán).
TERRACTIVA desenvolverá, ata finais de 2024, un conxunto de ferramentas para organizacións vencelladas ao sector agrario que presten apoio aos denominados novos entrantes. Trátase de que cooperativas, asociacións de produtores, GDRs ou administracións públicas, incorporen mecanismos e capacidades máis eficaces á hora de acompañar as persoas que buscan iniciar unha actividade agroecolóxica. Aspectos como o acceso á terra, plans produtivos ou modelos de negocio recibirán unha atención especial. Todas as ferramentas aplicaranse con carácter piloto por parte do GDR Mariñas-Betanzos no seu territorio, centrándose nos sectores da horta e da gandería extensiva.
Máis información:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2022/11/05/fonteboa-coordina-grupo-fomentar-aprovechamiento-rural/0003_202211C5C2991.htm