LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

O LaboraTe participa no ciclo Sitopías que aborda a importancia dos sistemas alimentarios de proximidade


O investigador do LaboraTe, Xurxo Loureiro Veira, participou o pasado luns 18 de decembro no cuarto debate do ciclo Sitopías, organizado pola Asociación cultural Flor de Santiago e por profesorado do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da ETSAC. O evento tivo lugar no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

O ciclo Sitopías aborda a importancia dos sistemas alimentarios de proximidade para a saúde humana e do territorio, así como de recuperar e protexer un dos patrimonios máis valiosos de Galicia que é o seu metabolismo social tradicional. Isto implica o impulso e a revalorización da produción de proximidade e os mercados de abastos e desenvolver infraestruturas locais complementarias, o que demanda novos enfoques de planeamento.

Xurxo Loureiro Veira tivo a oportunidade de presentar os resultados da súa tese doutoral e debater cos asistentes sobre a importancia da relación entre a seguridade e soberanía alimentaria e os sistemas locais de produción de alimentos.

Durante o evento, presentáronse tamén os traballos dos estudantes do grao de arquitectura e de paisaxe sobre o deseño de centros de distribución de alimentos de proximidade para a área urbana de Santiago de Compostela.

O ciclo Sitopías está financiado pola Asociación cultural Flor de Santiago, grazas aos fondos competitivos da Convocatoria do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro da Deputación da Coruña. A conferencia é posible tamén grazas á colaboración do sociólogo e experto internacional en soberanía alimentaria pola UNIA, José Luis Fernández Casadevante.